Bernardino Graña, poeta do mar e do amor

Bernardino Graña, nunha fotografía de Xurxo Lobato para a Editorial Galaxia © Xurxo Lobato / Editorial Galaxia

O escritor cangués falece aos 92 anos, pero a súa luz permanece

Foron moitas as homenaxes que recibiu Bernardino Graña nos últimos anos. O poeta do mar e do amor foi recoñecido en múltiplas ocasións con versos e verbas agarimosas. Sempre co mar, co seu mar presente. Porque Bernardino Graña foi, sobre todo, o poeta do mar e do amor. E seguirao sendo malia o seu pasamento aos 92 anos.

Este 18 de xaneiro Galicia soubo da morte do que Manuel María sinalou como "grande poeta do mar". "Para topar entre nós outro poeta do mar da súa categoría habería que remontarse a Manuel Antonio". Porque para o cangués, continuaba Manuel María, "o mar case é o mundo".

Bernardino Graña, lendo o seu discurso de ingreso na RAG no ano 2010 © Xosé Castro / Arquivo RAG

Con Bernardino Graña marcha un dos últimos representantes da Xeración das Festas Minervais. Aquela que o xunguiu a nomes coma os de Xohana Torres, Antón Avilés de Taramancos, Xosé Luis Franco Grande ou o propio Manuel María. Tamén Xosé Luís Méndez Ferrín, por cuxa proposta -canda Francisco Fernández Rei e Ramón Lorenzo- Graña entrou a formar parte da Real Academia Galega en 2010 co discurso Contos populares e Rosalía.

Mestre de profesión ata a súa xubilación en 1991, os seus versos de mar e amor impulsárono tamén a colaborar na fundación da Asociación de Escritoras e Escritores sen Lingua Galega (AELG), da que foi primeiro presidente e, dende 2021, Presidente de Honra. Esta foi só unha mostra do seu amplo compromiso social e co país, que tamén exerceu dende o grupo Brais Pinto e en múltiples causas a prol da protección da terra ou do idioma.

Canda a poesía, tamén cultivou o teatro e mais a narrativa. Sobre todo a infantil e xuvenil, con títulos coma O león e o paxaro rebelde (1969), Planeta de ratos tolos (1990), Rata linda de Compostela (1994), O gaiteiro e o rato Pérez (1994), O quirico lambón (1997) ou os volumes con Xan Guindán como protagonista.

Bernardiño Graña marcha, pero a luz súa permanece. As palabras de Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes… (1980), ou Sen sombra e sen amor (2004) quedan para sempre connosco.

A RAG, da que era membro dende 2010, lembra a súa "sensibilidade", "alegría de vivir" e "inquebrantable lealdade á terra". Marcha un poeta e, subliñan, sobre todo déixanos "unha excelente persoa, leal, alegre e cariñosa"

Tras coñecer a morte de Bernardino Graña a Real Academia Galega amosou o seu "fondo pesar". "A súa voz -destaca a institución académica- converteuse nunha das máis recoñecidas polo público e a crítica das letras galegas contemporáneas". 

Destaca o presidente da RAG, Víctor Freixanes, que "Bernardino era unha persoa moi querida dentro e fóra da Academia. Un poeta de enorme talento, cunha sensibilidade especial, extraordinariamente dotado para a lírica". O amor, a defensa da natureza e, en síntese, "a alegría de vivir e unha inquebrantable lealdade á terra, a Galicia e moi especialmente á bisbarra do Morrazo e ás rías" quedan ligadas para sempre á súa figura. A de, por riba de todo, "unha excelente persoa, leal, alegre e cariñosa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.