Bocixa: "Na nosa terra escasean os traballos audiovisuais comprometidos cos problemas de actualidade"

Abril 1968. Comezo das obras de enchido do Parrote Dominio Público Praza Pública

Véndese litoral. A Coruña deféndese. É o título do documental -ou reportaxe ao estilo documental, como lle chama o seu director, Xosé Bocixa- que Nós Televisión estrea o 27 de setembro no Portas Ártabras, na Coruña, a partir das 20:00 horas. Unha peza audiovisual que, coma Touro O Pino, a ameaza do cobre, forma parte dunha serie en proceso cuxo obxectivo é visibilizar a loita de colectivos agredidos, contribuíndo, como ferramenta de información, á “toma de conciencia solidaria” fronte a distintas formas de opresión. Véndese litoral podería ser, ademais, unha mostra do potencial impacto local que pode acadar o audiovisual, alén da súa confluencia con distintos movementos sociais. Falamos con Xosé Bocixa -Tingalaranga Audiovisual- e con Diego Frey e Antón F. Escuredo, de Nós Tv.

Véndese litoral. A Coruña deféndese forma parte dunha serie de documentais máis ampla, producida por Nós TV, realizada por Tingalaranga e relacionada coas agresións ao patrimonio. Como xorde esta serie e cales son os seus obxectivos?

Diego Frey: As reportaxes pretenden visibilizar a loita de colectivos agredidos, ben eles, a súa memoria e costumes ou a contorna na que habitan. Habitualmente son grupos en posicións de fraxilidade ou febleza pero que acadan os seus obxectivos a través da creación dun espírito colectivo. 

Bocixa: Esta serie busca reportaxe máis ou menos longas. Até agora van dúas: a primeira Touro O Pino, a ameaza do cobre, tivo unha enorme repercusión por toda Galiza. Foi proxectada en perto de medio cento de localidades e serviu como ferramenta de información e toma de conciencia solidaria na loita contra a mina nesa comarca.

Bocixa: "A primeira reportaxe, 'Touro O Pino, a ameaza do cobre', tivo unha enorme repercusión por toda Galiza"

Penso que os obxectivos son diversos. Un é informar e divulgar, falar das agresións á contorna natural, pero tamén ás persoas, polo que calquera tema pode ser tratado. Penso que na nosa terra escasean os traballos audiovisuais comprometidos cos problemas de actualidade. A min interésame a estética, pero sobre todo a ética e o compromiso. Eu chámolles reportaxes ao estilo documental, que son realizadas con urxencia e os medios xustos: unha cámara, dúas mans e varias cabeciñas para enfocalo. Chámolle producións de baixo custe, referíndome ao económico, pois no persoal require un grande esforzo en traballo e tempo. Neste país fan falta medios para traballar e informar libremente, esa é a reflexión. Arte da denuncia e do compromiso, sen máis pretensión.

Bocixa: “A min interésame a estética, pero sobre todo a ética e o compromiso”

A miña colaboración con Nós Televisión é unha colaboración de amizade e de compromiso. Ante a falla de medios e empresas que informen e formen opinión libre e reflexiva. Neste país moito se fala de necesidades pero semella que ninguén se molla á hora de poñer os medios mínimos para poder tratar temas a fondo, facer investigación, producir audiovisuais que deixen gardada a memoria do espolio, da corrupción, da loita veciñal.

Bocixa: “Neste país semella que ninguén se molla á hora de poñer os medios mínimos para poder facer investigación, producir audiovisuais que deixen gardada a memoria do espolio, da corrupción, da loita veciñal”

Fai falla material audiovisual, xornalístico, que garde todo iso. Intento por libre facer traballos coma As Encrobas, A Ceo Aberto, que segue a ser utilizado e proxectado cada vez en máis lugares sen data de caducidade. Ou os que están a piques de estrearse coma Estruturas, que realizo con Paco Gallego e trata o espolio da paisaxe e do territorio, 12 Leiras, un traballo compartido con Xabier Maceiras que recolle 12 historias que narran o roubo das terras e casas para o Polígono de Sabón en pleno franquismo… e outros en construción.

Que supón para o proxecto de Nós TV realizar este tipo de traballos?

Diego Frey: O espírito do noso proxecto é tamén un espírito combativo e inconformista, vai na nosa forma de entender a política e a vida. Senón non existiriamos. Temos unha grande preocupación polo abandono dos espazos rurais en favor da implantación de megaproxectos destrutivos e contaminantes que prometen postos de traballo, si, mais xogan coa urxencia e a precariedade da cidadanía.

Diego Frey: “Temos unha grande preocupación polo abandono dos espazos rurais en favor da implantación de megaproxectos destrutivos e contaminantes”

Fáisenos moi difícil entender a vida, a relación das persoas co medio natural deste xeito, e por iso estas reportaxes que nós chamamos "de urxencia", porque ben é certo que non contamos con grandes medios nin moito tempo para producilas, pero constatamos na relación cos espectadores e espectadoras que hai moitísima xente que pensa coma nós, que comparte as nosas mesmas inquedanzas. Resulta algo estimulante e cremos que crea comunidade.

Adianto de Véndese litoral

Véndese litoral está construído a partir de entrevistas: representantes da veciñanza, da política local, do asociacionismo veciñal e expertos. Que criterios seguiu a escolla de fontes? Houbo algunha que quedase fóra por non querer ser entrevistada?

Antón F. Escuredo: No documental participan representantes de colectivos que levan moito tempo loitando por recuperar este espazo que se lles arrebatou, por iso contactamos con eles. Tamén era moi importante recuperar a memoria do propio lugar e a súa importancia para os propios habitantes da Coruña. A representación política e institucional é obvia cando se está a tratar un tema que depende de decisións que parten das institucións. Por parte do concello non houbo problemas en contar coa súa opinión, sexa do goberno ou do resto de partidos políticos da corporación municipal.

Antón F. Escuredo: "Si tivemos problemas con algunhas institucións como é a Autoridade Portuaria que non quixo falar"

Si tivemos problemas con algunhas institucións como é a Autoridade Portuaria que non quixo falar e tivo, ademais, polo medio unha mudanza polo cambio de goberno en Madrid, ou a anterior Delegación de goberno que non contestou a petición. Tampouco foron moi receptivas as empresas que agora mesmo están ocupando ese espazo ou as que pretenden ocupalo nun futuro. En relación aos expertos aproveitamos o debate destes últimos meses sobre o tema e a circunstancia de que tivera lugar na Coruña o Foro Tecendo Litoral no mes de abril onde se presentou un informe moi completo sobre os terreos do porto.

Bocixa: "Os colectivos culturais, veciñais sempre están na vangarda facendo que se compensen as inxustizas do pasado e que non se repitan, obrigando a clase política a dar a cara"

Bocixa: A min particularmente paréceme que deben de ter moito peso as persoas, esas que lembran o que foi e xa non é, que recordan o espolio e que o viviron en primeira persoa e os colectivos culturais, veciñais que sempre están na vangarda facendo que se compensen as inxustizas do pasado e que non se repitan, obrigando a clase política a dar a cara.

Precisamente, os e as representantes da veciñanza teñen un protagonismo especial. Moitos son xente maior que lembra como era a praia do Parrote antes do recheo. Como se realizou a busca e contacto coa veciñanza?

Antón F. Escuredo: Nós tiñamos claro desde o principio que había que darlle a voz á xente, á veciñanza da cidade. A memoria individual forma parte da memoria colectiva que hoxe tende a esquecerse polo “relato oficial” que algúns medios de comunicación converten en “camiño seguro” cara un futuro mellor. Contar coa cidadanía, escoitar a veciñanza serviunos para explicar que ese relato era falso. Tivemos a sorte de atopar persoas con lembranzas moi claras de como era o porto antes de que chegara a súa transformación. Como acontece noutros traballos audiovisuais, comezas a tirar do fío e un informante lévate a outro.

Antón F. Escuredo: "A memoria individual forma parte da memoria colectiva que hoxe tende a esquecerse polo “relato oficial” que algúns medios de comunicación converten en “camiño seguro” cara un futuro mellor"

Bocixa: Os colectivos veciñais coma as asociación de Oza Os Castros e Agra do Orzán son  persoas involucradas e públicas, así coma outras que aparecen lembrando a ocupación de praias e zonas públicas do litoral da Coruña, a Comisión Aberta pola Defensa do Común...

Bocixa: "O colectivo que abandeirou esta loita é plural, serviu de integrador de persoas de distintas ideoloxías políticas"

O colectivo que abandeirou esta loita é plural, serviu de integrador de persoas de distintas ideoloxías políticas, xentes de movementos sociais e veciñais, coa idea de recuperar os espazos que pertencen á cidadanía… Hai outras voces máis anónimas que foron sacadas de arquivo dun colectivo que se chama Véndese Cidade, que teñen moito interese.

Non hai unha voz en off que conduza o relato. Supoño que a escolla foi deixar que as fontes falasen, de xeito que elas contasen o contexto e o fondo do problema. Foi así? É especialmente interesante ao respecto, por exemplo, a testemuña da representante da asociación Agra de Orzán, que explica que a orixe do problema se situou nunha cesión dun espazo público, por parte de autoridades franquistas, a un represor, unha persoa que participara nas milicias paramilitares. Como foi, en concreto, a entrevista con esta muller?

Bocixa: Contar a historia con perspectiva implicaba recompilar e reconstruír un proceso que se remonta a máis de medio século atrás. É imprescindible para entendelo, facer historia, tanto no caso da Solana e o Hotel Finisterre coma no do Porto Exterior. Marisol deu a cara e meteu o dedo no ollo sendo clara e sinalando motivos. A prensa convencional pouco ten informado sobre ese personaxe que participou na tortura e na represión franquista. E sinálano habitualmente coma un deportista!

Ao principio podemos ver as declaracións dos representantes de todos os partidos. E parece que hai unanimidade: todos din que o espazo debe voltar ser público. Mais logo lémbrase que foi aínda no 2012 cando o concello cambia o PXOM para pasar a dotación do solo de público a privado, abrindo a porta á subasta. Desde o punto de vista narrativo, como se pensou ese progresivo “desvelamento” na reportaxe das responsabilidades políticas? Partíase de moita documentación ao respecto?

Bocixa: O guión parte de datos documentados a priori, claro. Neste caso a idea era contar coa participación de todo o espectro político con representación na cidade e facer ver que todos os grupos políticos teñen un discurso case idéntico de cara a cidadanía, pero que algúns deles non son sinceros e agochan uns feitos que foron fundamentais á hora de especular con todo este territorio do porto e da dársena.

Bocixa: “Aquí queda claro que certos grupos políticos menten máis que falan”

Aquí queda claro que certos grupos políticos menten máis que falan. Son aqueles que  achanzaron o camiño para a especulación e a apropiación dos bens públicos. Dan unha imaxe falsa do que fixeron na práctica política. Desenmascarar os fantoches é tamén un obxectivo. Por exemplo, a Autoridade Portuaria e a Delegación do Goberno en Galicia desprezaron absolutamente o noso convite para expresarse neste audiovisual… Supoño que algo quere dicir, non?
   
O concello presenta unha oferta para recuperar o espazo, pero a Autoridade Portuaria convoca unha nova subasta por 10 millóns, pasando o prezo da parte que ao concello lle interesa recuperar de 1,4 a 1,6 millóns. A Autoridade Portuaria alega que debe pagar o Porto Exterior, pois ten unha débeda de 300 millóns. Os veciños piden que o espazo que foi público volva selo e sen pagarlle á Autoridade Portuaria pola súa “irresponsabilidade”. Cal foi a vosa percepción, ao facer a reportaxe, sobre o grao de consenso que hai no movemento veciñal respecto a esta análise do problema e esta demanda en concreto?

Bocixa: Queda moi claro que o Porto Exterior foi unha obra posiblemente mal pensada e planificada, cun orzamento que se foi inflando. Sabemos do negocio para certas persoas e empresas na construción de proxectos deste tipo. O argumento da Autoridade Portuaria é outra gran mentira para a maioría dos colectivos e persoas que conversaron con nós. O que se agocha detrás é unha operación especulativa que quere lucrarse de novo cos espazos roubados, que deben voltar á cidadanía, que deben voltar ser usados para beneficio común e non para intereses inmobiliarios e comerciais privados. A Autoridade Portuaria, axudada polo PP, e en boa medida polo PSOE, compórtase coma unha verdadeira inmobiliaria, pero tamén o Ministerio de Defensa e de Fomento.

Bocixa: “A Autoridade Portuaria, axudada polo PP, e en boa medida polo PSOE, compórtase coma unha verdadeira inmobiliaria, pero tamén o Ministerio de Defensa e de Fomento”

Que aprendestes vós mesmos ao investigar este conflito que non souberades ao comezar o traballo?

Bocixa: Reconstruíndo o proceso puidemos entender mellor unha historia da que se dan só pinceladas soltas. Comprobamos de novo que os ditos non se corresponden cos feitos cando falan certos grupos políticos. Vimos que a Autoridade Portuaria se agocha e non dá a cara, vimos que a Delegación do Goberno en Galicia se agocha e non dá a cara. Vemos que cando hai unha mobilización social e a xente do común loita, a charlatanería electoralista medra.

Bocixa: “Vemos que cando hai unha mobilización social e a xente do común loita, a charlatanería electoralista medra”

Se a sociedade se mobiliza, e na Coruña hai un sector que o fai desde hai tempo, se hai gobernos locais que empezan a plantarlle cara ao poder, saen as miserias e demagoxias no lado máis depredador. O presidente da Autoridade Portuaria atrévese a dicir á prensa amiga que lle fai de altofalante que os terreos non eran da cidade, que son froito de antigos recheos, que non é especulación, que só se busca pagar custes.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Fotogramas do filme © Tingalaranga/Nós TV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.