Borrazás contra as "ás de chumbo" que impiden voar o teatro

Xurxo Borrazás Dominio Público Praza Pública

"Aquí somos civilizados e as autoridades non prohiben a festa, 'sempre que sexa sá', nin a protesta, 'con tal que sexa construtiva' (...) Da mesma maneira non se persegue o teatro, só se adurmece ninguneando as iniciativas ou menosprezando as compañías, racaneando o acceso ás salas, arrombándoo nas programacións culturais, desecando os orzamentos para a formación e o teatro público, subindo impostos para que o prezo actúe de barreira, renunciando á promoción". O escritor Xurxo Borrazás redactou o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e será o encargado de lelo o vindeiro 26 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, durante a gala dos Premios María Casares.

"Ao teatro non hai que cortarlle os pés senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe" -destaca o autor no texto- "obrigar a que cada representación se convirta nunha epopea de actores e actrices que ao tempo deben ser directores, produtores, representantes, iluminadores, músicos, transportistas, maquilladores, escenógrafos, xastres, cobradores... e por suposto ter un traballo aparte que os manteña". "O obxectivo último é impedir que o espectáculo se normalice e poida converterse en medio de vida digno, atraente e non desilusionante para quen se apaixone por el", engade.

"Ao teatro non hai que cortarlle os pés senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe"

A gala de entrega dos María Casares, os premios do teatro galego organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) son o escenario escollido para a lectura deste texto, encargado todos os anos a un autor ou autora do país, e que complementa ao manifesto global que cada ano se fai público no Día Mundial do Teatro, 27 de marzo, e que neste 2015 será obra do polaco Krzysztof Warlikowski. Nos últimos tempos os encargados de elaborar o manifesto galego foron, por exemplo, xornalistas como Camilo Franco, historiadores como Ramón Villares –presidente do Consello da Cultura Galega- ou escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín -ex presidente da Real Academia Galega- ou Cesáreo Sánchez -presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG)-.

"O obxectivo último é impedir que o espectáculo se normalice e poida converterse en medio de vida digno, atraente e non desilusionante para quen se apaixone por el"

Desta volta, o elixido pola AAAG foi Xurxo Borrazás, narrador, ensaísta e tradutor, que destaca que “o teatro significa o berce da literatura. Dende o teatro clásico, a escena recolle todas as emocións posibles e retrata o seu propio tempo”, salientando ademais a “vinculación moi forte tanto a nivel persoal como estético" que ten con esta arte. Ademais do ton reivindicativo que domina o texto ante as dificultades e atrancos que viven a escena e os e as súas profesionais, Borrazás tamén subliña a importancia fulcral do teatro na propia existencia e crecemento dos seres humanos, e no seu día a día: “Ser... basicamente, é ser outro. Desde cativos xogamos a ser trastes e a ser quen non somos, e no marco dese xogo xogamos outros xogos dramatizados, teatro dentro do teatro, coma se non houbese límites”.

"A mesma medicina aplícanllela á literatura, aos medios, mesmo á música... se é en galego, porque a nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura"

Borrazás tamén critica no manifesto os ataques recibidos pola lingua galega e pola produción cultural na nosa lingua: "A mesma medicina aplícanllela á literatura, aos medios, mesmo á música... se é en galego, porque a nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura". "Non teñen nada contra o polbo á feira, a praia da Lanzada, o Pórtico da Gloria, o albariño de Cambados ou a romaría da Franqueira. Son os primeiros en chorar cando escoitan unha gaita. O que non aturan é a diferenza da lingua", engade. "E aínda así no teatro seguimos adiante, escachamos coa risa e fervemos cada vez que se descorre o pano e o público aplaude", conclúe.

Xurxo Borrazás Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.