Búscase espazo para a creación contemporánea galega

Proxecto espazo Dominio Público Praza Pública

"Buscamos un espazo. Un espazo para un proxecto. Un proxecto que busca mellorar o sector da creación contemporánea en Galicia". Así se presenta Espazo de creación, un proxecto que xurdiu no seo da DAG (Asociación Galega de Deseñadores) no outono do 2011 e que está a ser desenvolvido por un grupo de profesionais independentes "que buscamos traballar pola mellora do noso sector e que cremos na arte e na cultura como motor social".

Diríxese a todos aqueles que desenvolven unha actividade creativa, social, artística ou cultural

Diríxese a todos aqueles que desenvolven unha actividade creativa, social, artística ou cultural: artes plásticas, deseño, artesanía, artes vivas (teatro, danza, performance...), arquitectura, ilustración, cociña, letras, música, xestores culturais, empresas sociais, audiovisual... E busca loitar contra a escasa valoración e coñecemento social das súas profesións e a excesiva dependencia das administracións públicas. E aproveitando fortalezas coma o feito de estar "acostumados a estar dispersos e á mobilidade", a súa capacidade para traballar de xeito colaborativo e a actual revisión dos modelos de produción.

Quérese acadar a cesión de longa duración dun edificio en boas condicións estructurais e de instalacións

O obxectivo é autoxestionar de forma independente un proxecto de apoio á creación contemporánea en toda a súa cadea de formación, produción, difusión e debate. E tamén "crear redes" entre os profesionais das distintas disciplinas, entre os profesionais e a sociedade civil, entre os profesionais e o tecido empresarial e entre as asociacións de profesionais. 

Para iso quérese acadar a cesión de longa duración dun edificio en boas condicións estructurais e de instalacións para entre outras cousas deseñar un programa de formación “non formal” sobre temáticas relacionadas coa creación contemporánea que atenda as inquedanzas do sector. Tamén se queren alugar espazos de traballo para profesionais, asociacións e colectivos do sector para desenvolver a súa actividade diaria e propiciar sinerxias. Todo nun proxecto de xestión horizontal e sen ánimo de lucro.

Tamén se queren alugar espazos de traballo para profesionais

Este venres 16 ás sete da tarde celebrarase no Instituto Galego da Información, en Santiago de Compostela, unha asamblea que servirá para informar da situación actual do proxecto e definir comisións de traballo para que se poida unir quen queira.

Proxecto espazo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.