Calveiro e o 'tándem' de María e Manuel Lorenzo, triunfadores dos Xerais 2012

Os autores galardoados, en San Simón © Xerais

Os Premios Xerais de 2012 xa están nas mans dos seus donos. Dous galardóns para dúas obras e tres persoas, un para Marcos Calveiro e as súas Palabras de auga, Premio Merlín de literatura infantil, e o outro para o tándem literario formado por María Lorenzo e Manuel Lorenzo, filla e pai, que lle poñen a sinatura a Tonas de laranxa, novela gañadora do certame por unanimidade do xurado. Como cada ano a entrega dos premios, celebrada na Illa de San Simón, converteuse nunha festa das letras do país de case 300 persoas, que contou cunha abondosísima representación do mundo cultural, político e social galego e, desta volta, con Xurxo Souto como músico convidado e Marilar Aleixandre no labor de mantedora literaria da velada co discurso O círculo de luz: escrita, conflito e lume.

A autora de Teoría do Caos e A cabeza de Medusa enmarcou o acto de San Simón cunha reflexión sobre o papel da lectura e dos libros que iluminan, os que "foron escritos con lume e gardan ascuas entre as súas páxinas", que "traban en nós e cravan o seu ferrete", ilustrou, citando a Kafka. Botando man de Rosalía e Castelao Aleixandre apelou á imaxinación, á literatura que "alumea ou incendia" e a "ler libros que arden, a escribir libros que prendan lume". Porque os dous históricos autores "imaxinaron ser posible escribirmos en galego" e por iso "podemos celebrar hoxe estes novos libros".

E deses novos libros falaron os seus escritores, a comezar por Calveiro e a obra que o fixo merecente do vixésimo sétimo Premio merlín. Palabras de auga é o relato da "aventura iniciática" de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. Para o xurado  "os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia". Dende a "emoción" Calveiro agradeceu un premio que, di, o "enche de orgullo" por colocar o seu nome "canda os de Agustín Fernández Paz, An Alfaya" ou a propia Marilar Aleixandre. "O xerme da novela é unha nova nun xornal na que se falaba das chamadas “termitières”, mulleres que no Chad para alimentar aos seus fillos recollen o gran nos formigueiros. Esa imaxe, a dunha nai roubando o alimento ás formigas, impresionoume de tal xeito que me me empurrou a escribir esta novela. Unha homenaxe a esas mulleres africanas que malia a súa discriminación social son os verdadeiros alicerces das súas familias e tribos", explicou.

Tamén foron abondosas as gabanzas do xurado para Tonas de Laranxa, presentada ao certame baixo o lema Pouso da Arcai. "A partir da recreación dun espazo imaxinario, marabilloso, que rende homenaxe á narrativa de Álvaro Cunqueiro, no lugar de Moreira, que é onde se desenvolve esta historia, vanse tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, abulosos, entrañables, que se introducen coma po nas nosas vidas e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmósfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo" dende unha escrita cargada de "beleza", din. Sinala María Lorenzo que, ao coñecer que a historia tecida por ela e o seu pai se fixera co Xerais "a intención de ambos foi botar da man de Cunqueiro estas tonas de laranxa ao mar, xa que non se vive sen soños, para regresar ás illas da Cotovía". Pola súa banda, Manuel Lorenzo detívose en que "todas as obras son anónimas. Todas son colectivas. Para ir tecendo estas historias de ensoños, reloxos e laranxas fomos collendo palabras de aquí e de acolá, xuncas das Brañas de Laíño. Nunha lingua antiga. Irrenunciable".

O peche da velada literaria correu a cargo do director de Xerais, Manuel Bragado, agradecido polo apoio de varias entidades aos galardóns nun tempo no que, di, malia á austeridade cómpre "maior atención para o mundo do libro e da cultura". Ademais, Bragado tivo especial atención no seu parlamento para a aparición "ao longo dos últimos doce meses", de Dioivo, Sermos Galiza e Praza Pública, "quee enriquecen o ecosistema da lectura en galego".

Calveiro, recollendo o premio © Xerais
María Lorenzo e Manuel Lorenzo, co seu galardón © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.