Cancasete: Memorias de ferro e cromo en Cans

O equipo de 'Cancasete' recolleu ducias de cintas na parroquia de Cans © http://cancasete.tumblr.com/

Quen non ten unha cinta de casete na casa? Que din sobre nós esas cintas? Que lembranzas levan aparelladas? Se un casete garda a memoria dunha persoa, os casetes de toda unha aldea conforman a súa memoria colectiva. O proxecto Cancasete, que se estrea este venres no propio Festival de Cans, realizou durante semanas un labor de recollida de casetes nos faiados e caixóns das casas da parroquia de Cans, falando tamén cos seus donos, facendo emerxer as lembranzas asociadas a esas músicas e a esas cintas. O proxecto, no que participan María Lobo, Roi Guitián, María Yáñez, Javi Campo e Alfonso Pato, deu lugar a un documental de 25 minutos, sobre o que falamos con María Yáñez.

“Os casetes son hoxe o que nos permite explorar o consumo musical que se facía daquela, e serve para visibilizar unha cultura musical que en moitos casos estaba oculta no ámbito doméstico", explica. "O que queriamos facer era un retrato musical da parroquia de Cans a través das cintas, porque partíamos da idea de que todo o mundo garda algunha cinta. E tamén preguntarlles aos veciños cales eran os recordos e as vivencias asociadas a esas cintas e a esa música”. O casete, anos despois substituído polo CD e que non esperta aínda o renovado interese que si vive o vinilo, supuxo unha revolución no seu tempo: "O casete é a maneira na que se populariza a música, era un soporte barato e transportable”, comenta Yáñez.

E que hai nos casetes recuperados na parroquia? Que música escoitaban os veciños de Cans hai unhas décadas? "Sae moito a emigración. É algo moi recorrente na xeración que hoxe ten máis de 50 anos" -di María Yáñez- "Moitos dinnos que as cintas lles permitían ter unha conexión coa música do país, o que as convertía en algo moi importante cando estaban emigrados. As primeiras cintas de moitos deles foron as de Los Tamara, Andrés Dobarro, A Roda ou Ana Kiro, coas que practicamente traficaban. Os casetes que un deles recibía dende Galicia servíalles para socializar, para reunirse a escoitalas. Quedaban nun sitio un domingo e cada un levaba as súas". Outro dos temas que de forma recorrente aparecen nas conversas son as historias dos guateques, nos que quedaban para escoitar a música ou para intercambiar cintas. "Houbo momentos moi bonitos, de xente que nin lembraba o que tiñan as cintas, e que levou unha boa sorpresa ao escoitalas despois de tantos anos, xurdiron moitos recordos", engade a directora.

O casete introduce ademais unha novidade, unha característica que posúen os formatos dixitais hoxe en día: a posibilidade de non só consumir de forma pasiva, senón de tamén producir e gravar. Grávanse cintas, o que despois se chamou pirateo, explica María Yáñez, "e ademais xorde o concepto das mixtapes, das cintas gravadas por unha persoa con cancións de varios discos diferentes. Cada un ía configurando as súas propias cintas, coas cancións que máis lles gustaban". 

"Cans está tan cheo de historias como calquera aldea de Galicia, pero teñen a sorte de que hai xente moi preocupada de que saian á luz. E a partir de algo tan máxico como mirar no faiado de cada un van saíndo historias marabillosas"

Obviamente as cintas tamén servían para gravar a música que facía unha persoa, e en Cans tamén atopamos un par de casos, ben interesantes. María Yáñez destaca que "había unha peña de amigos en Cans, chamada Peña Só un solteiro (porque só había un solteiro, os demais estaban casados), que conservan tres cintas coas cancións que gravaban cando ían cear por aí. Tamén había unha banda de gaitas, chamada Os catro ventos, da que se conserva unha única cinta, dun ensaio".

María Yáñez conclúe que "Cans está tan cheo de historias como calquera aldea de Galicia, pero teñen a sorte de que hai xente moi preocupada de que saian á luz, e de que os veciños participen. E a partir de algo tan máxico como mirar no faiado de cada un van saíndo historias marabillosas".

"O gran paradoxo deste tempo é que o dixital é efémero, as cousas non se conservan a pesar de que conservar é moito máis fácil que antes"

Que dirán de nós no futuro os nosos actuais arquivos musicais, os máis deles dixitais? Conservarémolos, sequera? María Yáñez destaca que "agora xa non nos preocupamos tanto de gardar as cousas, primeiro porque todo se pode copiar. Antes os contidos non se podía copiar, por iso era tan importante telos gardados". E, ademais, di, "non hai unha metodoloxía de catalogación. Hai cousas como archive.org, pero o gran paradoxo deste tempo é que o dixital é efémero, as cousas non se conservan a pesar de que conservar é moito máis fácil que antes. Hai unha gran despreocupación. Ás veces gardamos cousas, pero nin nos preocupamos moito de como está gardado, de en que servidor, ou a quen pertence ese servizo".

Los Tamara, Ana Kiro ou Manolo Escobar achegaban a casa dende a emigración © http://cancasete.tumblr.com/
Cos casetes chegou tamén a posibilidade de copiar discos e de elaborar compilacións © http://cancasete.tumblr.com/
O equipo de 'Cancasete' recolleu ducias de cintas na parroquia de Cans © http://cancasete.tumblr.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.