Cans aposta polo patrocinio privado "ante a incerteza" das axudas da Xunta

Juanma Bajo Ulloa en Cans © Rafa Costas

O Festival de Cans busca incrementar o seu financiamento privado para a súa edición 2014, e trata de involucrar empresas de diferentes tamaños e sectores, ofrecéndolles ás marcas a oportunidade de darse a coñecer dunha maneira orixinal. O obxectivo é depender na menor medida posible das axudas públicas, que xa representan menos do 40% do seu orzamento.

O obxectivo é depender na menor medida posible das axudas públicas, que xa representan menos do 40% do seu orzamento

Xa o pasado ano non contou con axuda ningunha por parte do Ministerio de Cultura, uns 10.000 euros do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), que viñan supoñendo en anos anteriores o 12% do seu presuposto. A isto únsese "a incerteza" pola continuidade do apoio da Xunta, polo que os organizadores buscan reforzar as achegas privadas para asegurar a continuidade do Festival.

Destacan que Cans reuniu na pasada edición máis de 12.000 persoas e que congrega a máis de 15.000 nas redes sociais, e que o festival se compromete "a buscar propostas de visibilización orixinais e específicas, á medida de cada marca: dende grandes empresas que queiran patrocinar un dos espazos singulares do certame, como os chimpibuses, os jalpóns ou as alfombras vermellas; ata pequenos negocios que desexen facer intercambios en especies, poñer un spot nas pantallas das salas antes do visionado das curtas ou un anuncio no Canzine, a revista oficial do certame".

O festival considera que as administracións teñen "unha responsabilidade no apoio á creación e a difusión cultural, polo que agardan manter as axudas públicas, pero intentan incrementar os ingresos propios e os patrocinios privados"

O obxectivo é reducir o peso das achegas de organismos públicos, que xa é menos do 40% do orzamento, "sen renunciar a contar con ese apoio". O festival considera que as administracións teñen "unha responsabilidade no apoio á creación e a difusión cultural, polo que agardan manter as axudas públicas, pero intentan incrementar os ingresos propios e os patrocinios privados para evitar na medida do posible que os retrasos e incertezas das achegas públicas afecten á organización do evento". De igual xeito, o festival agradece a boa disposición do Concello do Porriño como patrocinador, pero recorda que o Ministerio de Cultura deixou sen axuda un ano máis o popular certame. A organización tamén espera que a Consellería de Cultura, a través da Agadic, defina as liñas de axudas para os festivais de cinema, para poder concretar o antes posible en que medida Cans contará con apoio da administración autonómica.

Fon Román en Cans © Rafa Costas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.