Cans impulsa un concurso de booktrailers para estimular a lectura en galego

Proxección nunha das sesións do Festival de Cans © Festival de Cans

O Festival de Cans, que este ano terá lugar entre o 23 e 26 de maio, impulsará nesta edición un concurso de booktrailers e booktubers, que ten como obxectivos estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos. Estas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en poucos minutos de imaxes o contido dun libro, están a medrar cada vez máis na rede, ata o punto de que comeza a haber concursos específicos en festivais, dedicados a esta modalidade.

O concurso, denominado O ollo de vidro, enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de youtube Recoméndoche un libro, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, O IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademais da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Este ano incorpóranse tamén como promotoras do proxecto dúas institucións moi activas do Porriño, como a Biblioteca pública municipal e o IES Pino Manso. 

Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar a intersección creativa entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de booktrailers, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos booktrailers. Nesta edición, o certame O ollo de vidro converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans. Durante o festival desvelaranse os vídeos gañadores.

Haberá 650 euros en premios, cun galardón escollido por un xurado, outro escollido polo público (resultará gañador o vídeo que obteña máis gústames) e un Premio Festival de Cans. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas. A participación no certame está aberta ás persoas de calquera concello de Galicia. O prazo de inscripción está aberto ata o 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com.

Por outra banda, o Festival de Cans informa de que resta menos de un mes para inscribir as curtametraxes e videoclips a concurso. O domingo 4 de marzo rematará o prazo e esta ano a inscrición pode facerse por dúas vías, ou ben na plataforma festhome ou ben gratuitamente a través da web do Festival de Cans. Este ano o festival estrea como sección a competición Furacáns, dedicada ás curtametraxes de non- ficción, que se suma así ás demais seccións de curtametraxes de ficción, de animación e videoclips. O Festival de Cans repartirá este ano máis de 8.000 euros en premios entre todas as súas categorías.

Proxección nunha das sesións do Festival de Cans © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.