Cans xa ten gañadores!

El Gran Wyoming nun chimpin © Rafa Costas
O Festival de Cans vén de anunciar os seus gañadores e gañadoras á falta de coñecer os premios do público ás mellores curtametraxes de ficción e de animación.
 
  • Premio de Honra Pedigree´13, dotado coa estatuíña do Can de Pedra: Manuel Manquiña.
  • Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Calquera infinito posible, dirixida por Roi Fernández Alonso, que o xurado valorou como unha curta "moi completa na que destaca o gran nivel que presenta tanto na fotografía, no guión como na interpretación". Valorou ademais que se trata dunha idea moi arriscada e poética que convence.
  • Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra: Flores para Amalia, dirixida por Nani Matos, porque explica unha realidade coa que os veciños se senten identificados e porque retrata unha historia de amor que calquera querería vivir.
  • Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Sangre de unicornio, de Alberto Vázquez porque "asume o risco en todas as dimensións da animación, cun debuxo moi persoal e cunha historia moi fantasiosa na que o director consigue encaixar todas as pezas".
  • Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Carlos Blanco, por Mal de sangre. O xurado valorou a actuación do actor por manexar con moito acerto unha personaxe moi complexa e difícil.
  • Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Helena Miquel por Mal de sangre, pola gran dimensión que a actriz lle confire á personaxe. O xurado valorou ademais que a súa interpretación potencia a dimensión das outras personaxes.
  • Premio do xurado ao mellor guión, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Robin & Robin, dirixida por María Pérez e Hugo Amoedo pola "interrelación perfecta do guión coa realización e a interpretación". O xurado destacou ademais que se trata dun "guión arriscado e redondo, cunha idea ben executada e contundencia emocional".
  • Premio do xurado ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: Mundo en trance, de Lemuripop realizado por Soledad Rebollo. O xurado valorou especialmente da peza a súa estética e montaxe actual e destacou que "a linguaxe simbólica empregada é moi acorde co que transmite a letra da canción, conxugándose perfectamente imaxe e música". Sinalou ademais sentirse moi identificado co mundo en trance que nos presenta e no que vivimos actualmente.
  • Premio do público ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: Terra, de Dakidarría, realizado por Julián Maguna.
  • Premio do xurado á mellor banda sonora, dotado co Can de Pedra: Calquera infinito posible polo seu son fresco e diferente. O xurado valorou ademais que a banda sonora forma parte do concepto estético da película e destacou o feito de que a música serve de gran apoio á imaxe. O xurado quixo ademais destacar a gran calidade das bandas sonoras dos traballos presentados a concurso.
Juanma Bajo Ulloa en Cans © Rafa Costas
Cans foi unha festa © Rafa Costas
Homenaxe a Rogelio Groba en Cans © Rafa Costas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.