Cantos na Maré: irmandade lusófona con Narf na memoria

Presentación de Cantos na Maré, este luns en Pontevedra Dominio Público Cantos na Maré

"Nesta edición seremos tambor, cidadáns libres dunha Galiza imaxinaria". Así se presenta a décimo terceira edición de Cantos na Maré, o festival internacional da lusofonía que o vindeiro 14 de xeneiro volverá ter Pontevedra como escenario, cos valores que representan o certame dende o seu nacemento pero cunha lembranza especial a unha das persoas que mellor os representou, Fran Pérez, Narf, o músico falecido o pasado novembro a quen a organización destes cantos considera paradigma, "exemplo de como se tecen redes, de como se establecen vínculos con outras culturas dende o respecto e o coñecemento mutuo".

Poñendo como bandeira a intención tantas veces perseguida por Narf, a de ir alén "do simple intercambio musical", a nova edición de Cantos na Maré presentouse este luns coa intención de trazar novamente "un mapa da lusofonía a partir dos sentimentos dun país galego que é berce da lingua" e dence unha cidade, Pontevedra, "humanizada, que dá de beber a quen pasa, a cidade das pontes". A todas estas intenciósn póñenlle nomes, letras e música un cartel de artistas entre os que destaca un vello amigo do Narf, Manecas Costa.

Xunto ao músico guineano, que lembrará en Pontevedra ao seu irmão musical, no escenario do Pazo da Cultura estará tamén Guadi Galego, estreando novo disco e co premio Martín Códax baixo o brazo. A outra voz africana deste Cantos na Maré será Paulo Flores, angolano e cultivador do semba, un estilo musical resultante de múltiplas fusións e con diversas raíces na cultura africana. Da outra beira do Atlántico, do Brasil, chega Katya Teixeira, a cantora de São Paulo que destaca pola súa investigación da cultura popular do país.

A organización augura que esta será "unha das edicións máis espectaculares" de Cantos na Maré e marcará "a fin dun ciclo" para "dar pé a un novo proxecto"

A alentejana Celina da Piedade é a última compoñente xa anunciada dun cartel no que aínda resta por desvelar un último convidado para completar o elenco dun concerto que un ano máis ten na súa cerna a Uxía, como directora artística, e a Paulo Borges como director musical. Esta edición de Cantos na Maré, afirma Vitor Belho, da produtora Nordesía, será "unha das máis espectaculares" e vai "marcar a fin dun ciclo que dará pé a un novo proxecto" con "novos camiños para a internacionalización dos nosos artistas e tamén das actividvades vinculadas á música que empregará a cidade de Pontevedra como escenario e no que a cidadanía terá un papel moi importante".

O evento do vindeiro 14 de xaneiro, cuxas entradas están xa á venda está promovido polo Concello pontevedrés e apoiado pola Deputación de Pontevedra e mais pola Agadic, cuxo director, Jacobo Sutil, considera esta iniciativa "aínda máis necesaria" tras a aprobación da lei paz andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía.

Cartaz da edición 2017 de Cantos na Maré Dominio Público Cantos na Maré

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.