'Cara a Cara coa Vida', cinema que axuda

Proxección do documental © Jorge M. de la Calle

Cara a Cara coa Vida é un documental producido por Alba Casas e coproducido por Aira Studio sobre a vida de Ana, unha nena de Valdoviño (Ferrol) con problemas de saúde. Unha historia de superación que será proxectada este venres 24 no Auditorio Municipal de Ourense, ás 20:30h., con entrada libre e gratuíta. O xoves presentouse no Instituto de FP de A Farixa, no que a autora do traballo foi alumna de Produción Audiovisual.

Este documental é a historia real dunha familia que, unida, conseguiu superar todo tipo de problemas. “Sufriron, choraron e pelexaron con unllas e dentes; pero tamén aprenderon a ser felices, a encontrar o lado positivo a todo e a transmitir esas ensinanzas ás súas fillas”, destacan os seus responsables. E é tamén unha reflexión sobre a palabra "enfermidade". “Que pasaría se cambiásemos a palabra “enfermidade” por "problema" ou "dificultade"? Seguramente o noso cerebro non vería a situación dunha forma tan dramática nin drástica; porque nos decatariamos de que todo o mundo ten problemas  e non por iso son diferentes, aínda que nós mesmos nos fagamos sentir así”, afirman.

O que nun primeiro momento pensou que podía ser só “un bo traballo de clase” rematou convertido nun documental profesional

O documental naceu inicialmente, explica Alba, como unha proposta para a asignatura de Proxecto Integrado. Alba coñeceu á protagonista, Ana, “hai dez anos”, e foi seguindo a súa evolución e as súas dificultades. O que nun primeiro momento pensou que podía ser só “un bo traballo de clase” rematou convertido nun documental profesional, animada polo seu profesor, e foi collendo forma e implicando desinteresadamente a numerosos profesionais que fixeron posible a súa realización. Por unha banda foi documentándose e gravando á nena, e por outro buscando colaboracións altruístas que puideran cubrir todos os procesos da produción. Co paso do tempo, “foron aparecendo produtoras que colaboraron, como AiraPro, Mandeo Records, A Escola da Rúa”, e “chegou a cruzar o charco”, ata Latinoamérica, conta a creadora, grazas ás numerosas asociacións “que colaboran promocionando en toda España”. O único interese deste documental, confesa Alba, é que sexa “unha chispa de ánimo para todas as persoas con problemas de saúde, para que vexan que todo ou case todo se pode superar”.

Anteriormente o documental foi estreado no teatro Jofre, en Ferrol, e despois do seu paso por Ourense será proxectado en salas de Madrid e Valencia, entre outras localidades

Na estrea no Auditorio estarán Ana e a súa nai, Montse, para compartir a súa experiencia cos asistentes, ademais de Alba Casas, a creadora e produtora do documental, e mais Víctor Grande, un dos responsables de Aira Studio e famoso cómico ourensán. Anteriormente o documental foi estreado no teatro Jofre, en Ferrol, e despois do seu paso por Ourense será proxectado en salas de Madrid e Valencia, entre outras localidades.

Proxección do documental © Jorge M. de la Calle
Proxección do documental © Jorge M. de la Calle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.