Carballo dará o empurrón a cinco novas webseries galegas

Carballo acollerá a estrea mundial de 'Peter Brandon' Dominio Público Praza Pública

As tres edicións celebradas ata o momento do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (CIP) converteron a cita e a localidade nun referente para as webseries de todo o Estado. Máis aínda para as producidas en Galicia, que nos últimos anos foron crecendo e multiplicándose en paralelo co CIP. Non só pola visibilidade achegada polo Carballo Interplay, senón tamén por un gorentoso premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a gravación dos primeiros tres capítulos.

Na edición 2016 o proxecto gañador foi Peter Brandon, producida por Porco Bravú, que na edición 2017 que comeza a vindeira semana, terá en Carballo a súa estrea absoluta. Será o venres 5 de maio, ás 22h30, o Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. Peter Brandon é un falso documental que amosa a vida do popular cómico Pedro Brandariz fóra dos escenarios e, no camiño, satiriza o sector audiovisual galego coa complicidade de caras coñecidas como Xosé Antonio Touriñán, Evaristo Calvo, María Tasende, David Amor ou Isabel Risco, entre moitos outros. Con claras referencias ás series de Louis CK ou Ricky Gervais e cun ton pouco habitual no noso audiovisual, Peter Brandon está asinada polos gañadores do Mestre Mateo á mellor webserie nas edicións De 2015 e 2016, os Porco Bravú: Jorge Boquete (director), Javi Lopa (productor), Óscar Cruz (guionista), Dani Graña (director de fotografía) e Diego Bouzón (xefe de son).

Pero hai máis. Un día antes, o xoves 4 ás 19 horas, catro proxectos de webserie competirán nun pitching público polo beneplácito dun xurado composto por Mafalda González-Alegre, de Flooxer; David Sainz, da produtora Diffferent Entertanment; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica de Carballo; e Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay. Trátase do drama existencialista Albedrío, creado por J.S. Raimundi e Álex Vázquez e protagonizado por Melania Cruz e Tito Asorey; da comedia de situación Efectos Secundarios, creada e protagonizada por Pablo Cobos e Paula Ballesteros-Arias; da comedia con pequenas tinturas dramáticas Hai vida en Bran, creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos; e máis da comedia fantástica Megamadriñas, que mestura o mellor da épica dos superheroes co máis enxebre do rural galego, baixo a batuta de Antón Coucheiro, Paulo Rubal e Joseba Muruzábal.

Fotograma de 'Albedrío' Dominio Público Praza Pública
Gravación de 'Efectos Secundarios' Dominio Público Praza Pública
Un momento da rodaxe de 'Hai vida en Bran' Dominio Público Praza Pública
Imaxe promocional de 'Megamadriñas' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.