Carballo procura letras e imaxes para o galego

Foto de familia da primeira edición do Carballo Interplay Dominio Público Carballo Interplay

Carballo procura letras e imaxes para a lingua galega. "Dous plans xeitosos para esta Semana Santa", di o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello carballés, que vén de lanzar dúas propostas xa asentadas arredor do idioma propio: a 12ª edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores -por se "es de comunicar escribindo", advirte o SNL- e a terceira do Premio a proxecto de webserie en galego, por se "es máis de audiovisual" e que se convoca ao abeiro do Festival de Contidos Dixitais CarballoInterplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio na vila bergantiñá. 

Carballo volve convocar dúas propostas asentadas arredor da lingua: a 12ª edición do 'Premio a artigos xornalísticos normalizadores' e a terceira do 'Premio a proxecto de webserie en galego'

No caso do novo certame para premiar artigos xornalísticos que poñan en valor o galego, o SNL do Concello de Carballo, en colaboración con varios medios escritos -entre eles Praza Pública- volve lanzar unha convocatoria que ten por obxectivos "promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa".

Así, calquera persoa pode presentarse a un certame para o que se debe escribir un artigo de entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos e entregalo ou envialo ao Pazo da Cultura de Carballo ata o 14 de abril de 2016. Segundo aclara o SNL, nese texto pódese falar "sobre a situación sociolingüística do noso país, o fomento da lingua galega, o seu estatus, o argumentario a prol do uso do galego, a lexislación e os dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas concretas, propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada..."

O premio económico está dotado con 1.000 euros para o artigo gañador, que será difundido en Praza Pública, Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. Entre os gañadores atopamos autores como Olga Patiño, Ana Barreiro, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Carlos Callón ou Luz Cures, entre outros. 

 

Webserie en galego

No caso do Premio a proxecto de webserie en galego, ten unha dotación económica de 1.500 euros que deberán destinarse exclusivamente á produción de polo menos 3 capítulos do proxecto da webserie premiada. As iniciativas poderán presentarse ata o 11 de abril con toda a documentación que se especifican nas bases e cumprindo uns requirimentos sobre o que agroma un obvio: que a fita sexa en galego. 

Entre todos os proxectos recibidos, o comité de selección do festival escollerá un máximo de cinco proxectos e os proxectos finalistas terán que defender o seu proxecto facendo un piching ante os membros do xurado específico. Será un acto aberto ao público e terá lugar o xoves 5 de maio no Auditorio da Casa de Cultura do Concello de Carballo. 

Foto de familia da primeira edición do Carballo Interplay Dominio Público Carballo Interplay
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.