A primeira ferramenta virtual de percusión tradicional galega. Iso é Carmucha VST, unha nova ferramenta dixital pensada para "achegar a percusión tradicional galega ao mundo da produción musical moderna". Trátase do primeiro VST (Virtual Studio Technology, Tecnoloxía de Estudo Virtual) creado integramente en Galicia, "libre, accesible e totalmente gratuíto, que permitirá a calquera persoa crear ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro dende o seu ordenador".
Lijas Virtual Sampler e MOB Studios lanzan Carmucha VST, un 'plugin' de percusión tradicional galega, "libre, accesible e totalmente gratuíto"
Así o explican os seus creadores (Lijas Virtual Sampler e MOB Studios), que aseguran que o obxectivo de Carmucha VST é "poñer a música tradicional galega ao alcance de todos, tanto para quen queira mesturala con estilos contemporáneos como para quen simplemente precise practicar pasos de baile ou ensinar nunha aula".
"É un plugin para a música, unha homenaxe á cultura", explican sobre unha ferramenta que inclúe: patróns rítmicos autóctonos (muiñeira, pandeirada...) listos para arrastrar a calquera secuenciador, controis dinámicos para personalizar cada golpe (ataque, volume, cola...), efectos integrados (reverb, compresor e ecualización) e dobre formato: VST para usar en programas de produción musical e Standalone como aplicación independente.
"Esta última versión resulta especialmente útil para academias de baile tradicional, que agora poderán practicar pasos cun acompañamento rítmico galego e adaptable á velocidade que desexen", aseguran os seus creadores.
O lanzamento, en setembro
A data de lanzamento prevista da primeira versión pública é o vindeiro mes de setembro, aínda que o desenvolvemento non está completamente rematado. A idea é que coincida con datas escolares e festivais culturais.
A ferramenta poderá descargarse de balde dende a súa páxina oficial e os creadores aproveitan a proximidade do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, como o "momento perfecto para dar a coñecer este proxecto que rende homenaxe á nosa tradición dende a innovación tecnolóxica".
Carmucha VST, explican desde Lijas Virtual Sampler e MOB Studios, nace como "un proxecto independente e sen ánimo de lucro, cun único obxectivo: poñer en valor a cultura galega a través da tecnoloxía". "Trátase dunha homenaxe a todas aquelas persoas que mantiveron viva a tradición durante xeracións", explican os creadores, que inclúen un vídeo demostración da nova ferramenta.