Casa de Rosalía, Chanfaina’Lab e Rede Cultural da Deputación da Coruña, candidatas ao Premio do Público do Culturgal

O Culturgal 2018 celebrarase en Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro © Culturgal

En edicións anteriores gañaron o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015), o Festival Agrogay da Ulloa (2016) e o Play-Doc (2017)

A Casa de Rosalía, o Chanfaina’Lab e a Rede Cultural da Deputación da Coruña son as tres candidatas a facerse este ano co Premio do Público do Culturgal, un galardón que é escollido a través dunha votación online que vén de comezar. As tres iniciativas foron escollidas polas distintas entidades gremiais que organizan a feira cultural, que se celebrará en Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro. A votación, que se pode realizar neste enlace, permanecerá aberta ata o vindeiro 23 de novembro.

Valoráronse "aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación", sinala a organización. Nas anteriores edicións de Cuturgal gañaron os premios do Público da Feira o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015), o Festival Agrogay da Ulloa (2016) e Play-Doc (2017). 

Así se presentan as tres candidaturas:

Chanfaina’Lab: Á Chanfaina’Lab non se vai a ver películas, senón a facelas. Este non é un festival audiovisual ao uso, tampouco San Sadurniño un pequeno concello ao uso a xulgar pola súa actividade cultural e a participación veciñal – o proxecto Fálame de San Sadurniño levou o Premio Europeo Acting 2015, axentes sociais polo envellecemento activo a través das TIC-. Chanfaina’Lab é un proxecto de creación colectiva que implica de maneira activa a creadores e veciñanza e que segue medrando ao longo das súas cinco edicións. Aquí, a idade, a formación ou a traxectoria non marcan diferenzas, senón que enriquecen este encontro que se visibiliza en dous momentos do ano, un de realización e outro de proxección.

Dende 2014 San Sadurniño organiza o Chanfaina'Lab, que aúna creación e empoderamento | Concello de San Sadurniño

Rede Cultural da Deputación da Coruña: Case dous milleiros de espectáculos. 1.797, ese é o número exacto de eventos da Rede Cultural da Deputación da Coruña en concellos da provincia da Coruña durante todo un ano. Un exemplo, 2018, como é o caso. A Rede Cultural da Deputación da Coruña constitúe unha programación de espectáculos -fundamentalmente artes escénicas e música, pero tamén contidos audiovisuais-, que pon en contacto cada ano a máis de cincocentas empresas, entidades e compañías con (practicamente) todos os concellos da provincia. A Deputación destina para isto unha partida orzamentaria que posibilita o desenvolvemento da programación en condicións máis que ventaxosas -desde un punto de vista económico e social- para as administracións locais.

Rede Cultural da Deputación da Coruña | Dacoruna

Casa de Rosalía: Case cinco décadas de historia, unha referencia dentro e fóra de Galicia e, ademais, desde hai un lustro axitando con novos aires o legado da autora galega por excelencia. A Casa de Rosalía (Padrón) ocupa un lugar privilexiado no mapa cultural do país; alí concéntrase a vixencia da figura e obra de Rosalía de Castro. Con ambición a Casa de Rosalía enfronta presente e futuro, cunha remodelación e adaptación a novas necesidades e un proxecto museográfico que destaca a relación da autora coa contemporaneidade. A Casa de Rosalía do século vinte e un é unha casa aberta e consciente do símbolo vivo que representa.

Casa Museo de Rosalía de Castro | Fundación Rosalía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.