Case 16.000 sinaturas foron presentadas este luns no rexistro do Parlamento galego para en apoio dunha proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para “a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”.
A ILP reclama "a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”
A iniciativa, impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura e unha trintena de persoas, foi rexistrada en novembro de 2022 e xa recibiu luz verde para a súa tramitación. Agora, coas 15.857 sinaturas entregadas pola comisión promotora -o mínimo son 10.000- búscase fortalecer unha proposta coa que se intenta corrixir os "erros" da letra oficial do himno galego respecto da orixinal do poema de Eduardo Pondal.
Entre os impulsores da proposicíón está o musicólogo e investigador da partitura do himno Fernando López-Acuña e Manuel Ferreiro, que achegou un estudo detallado sobre as modificacións sufridas pola letra.
Foi o propio Ferreiro quen explicou que esta ILP fora presentada “por razóns de xustiza histórica e de reparación da verdade”. "Sabéndomos que temos a razón no relativo á restauración do texto certo do himno, porque son moitas as probas que o demostran", dixo.
Así, lembrou que o himno foi difundido inicialmente na Habana e que pola intervención de factores externos, entre os que mencionou aos linotipistas da prensa cubana, alleos á nosa lingua, “o texto apareceu con erros que se foron transmitindo” e dos que, dixo, “os lexisladores en 1984 non eran conscientes porque non dispuñan dos elementos necesarios”.
A ese respecto fixo referencia aos diversos documentos que así o constatan, como a versión orixinal de 1890; un recorte que fixo Pondal onde non realizou correccións no texto; as versións manuscritas previas e mesmo unha carta do propio Pondal, de 1913, “onde lle di a Fontenla Leal, que foi o grande difusor do himno na Habana, que este ten moitos erros e que hai que corrixilos”, explicou.
Por iso considerou que “en 2023, pasados máis de un século desde que naceu en 1890 e da súa primeira interpretación na Habana, en 1907, agora que temos os medios e o coñecemento de cal era o verdadeiro texto, o que non pode ser é que cantemos unha versión que non se corresponde exactamente co que Pondal escribiu e co que estaba no espírito dos nosos devanceiros.
“se Pondal puxo f'érridos', non podemos dicir f'éridos', que non existe; e se Pondal puxo 'ignorantes', a ver por que hai que establecemos no texto 'iñorantes"
En concreto, subliñou que “se Pondal puxo férridos, non podemos dicir féridos, que é unha palabra que non existe, e se Pondal puxo ignorantes, a ver por que hai que establecer no texto un hiperenxebrismo, unha forma allea ao galego como iñorantes, do mesmo xeito que sós ou clan”, entre outras.
Cuestións que, concluíu, “sen seren transcendentais”, convidou a corrixir porque “é unha cuestión de dignidade colectiva, porque ningún país normal pode consentir que o seu himno, a expresión cantada da nación que nos une e que nos identifica para dentro e para fóra, non teña o texto correcto”.
Agora, e co apoio á proposta de tres deputacións provinciais (A Coruña, Lugo e Ourense) falta por ver a postura do PPdeG, opstura da que depende a tramitación da iniciativa. O seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, chamou a ser "prudente" e a buscar un consenso "non só político, senón social". "O tema non está pechado", concluíu.