Case 700 estudantes encheron o estaleiro de Navantia a ritmo de muiñeira

A Banda das Crechas puxo a música para esta muiñeira colectiva © CFR Ferrol

O pasado 10 de maio o estaleiro de Navantia en Ferrol acolleu un acto moi especial, que uniu baile tradicional e construción naval, a xeito de celebración do Día das Letras Galegas. 660 rapaces e rapazas de 22 centros de ensino da comarca de Ferrolterra bailaron unha gran muiñeira colectiva ao son da Banda das Crechas, como se pode ver no fermoso vídeo publicado hai uns días

“Cremos nun futuro cheo de barcos e muiñeiras. Sentímonos carpinteiros de ribeira laborando a escola do porvir a ritmo de seis por oito"

O evento foi organizado polo Centro de Formación e Recursos Ferrol a través do seu Grupo de Traballo de Danza Tradicional, un colectivo que leva unha década traballando para impulsar o baile, promovendo a súa incorporación ao curriculum escolar. O mar de muiñeras  segue o ronsel aberto hai dous anos pola gravación no mesmo lugar da canción "Chea de Vida", a cargo de Guadi Galego e Guille Fernández, acompañados das voces de mil nenos e nenas da comarca, noutra actividade promovida polo CFR Ferrol.

“Cremos nun futuro cheo de barcos e muiñeiras. Sentímonos carpinteiros de ribeira laborando a escola do porvir a ritmo de seis por oito", destacan.

Os 600 rapaces e rapazas, nunha das naves de Navantia © CFR Ferrol

Os nenos e nenas participantes procedían de 22 centros de ensino de Ferrol, Mugardos, Fene, Narón, Pontedeume, Cedeira, Cariño, San Sadurniño, Moeche e Ares. "Queremos animar a todo o profesorado de Galicia a que leve o baile tradicional galego á práctica diaria nas aulas", destacaron dende o CFR Ferrol 

"Queremos animar a todo o profesorado de Galicia a que leve o baile tradicional galego á práctica diaria nas aulas"

"É importante que os rapaces vexan o baile como algo presente, moderno, non como algo que esmorece", engadiron os responsables desta iniciativa, que definiron como "un acto cheo de esperanzas para a danza tradicional galega".

"Foi unha xornada moi especial coa que queremos poñer un pé na tradición e outro pé na modernidade, no futuro; a tradición galega do baile e a tradición de construír barcos dende hai máis de 300 anos e o futuro dos estaleiros e o futuro do baile galego e de todas as tradicións", concluíron.

Traballadores e traballadoras de Navantia participaron tamén na muiñeira © CFR Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.