Castañazo 2012: O novo regreso dos Diplomáticos... e moito máis

Cartaz do Catañazo Rock 2012 Dominio Público Praza Pública

Castañazo Rock celebra o seu décimo aniversario e faino cun cartel que cheira a bravú. Destaca sobre todo o regreso outravolta dos Diplomáticos de Monte-Alto. No seu concerto do 20 aniversario xuraron solemnemente non volver xuntarse ata que pasaran outros dez anos. "Pero as promesas solemnes están para incumprilas", din, e non habia mellor ocasión que o aniversario do festival chantadino, sobre todo porque o Castañazo forma parte ineludible da traxectoria da formación coruñesa.

Pero haberá moito máis. Ademais da banda liderada por Xurxo Souto, no mercado gandeiro de Chantada actuarán Rastreros, Os Papaqueixos, Cuchufellos e Liviao de Marrao. Será este sábado 3 de novembro a partir das nove da noite. E con prezos populares: 12 euros por anticipado -até este venres- ou 18 euros en taquilla.

As persoas que non poidan estar en Chantada este sábado poderán ver o concerto integramente a través de internet

Nesta nova xuntanza estarán Xurxo Souto (voz), Rómulo Sanjurjo (acordeón), Guni (guitarra), Mangüi (baixo) e Viascón (batería). Grazas ao acordo acadado coa empresa Dubidá o concerto será gravado para a súa distribución en plataformas dixitais. Deste xeito as persoas que non poidan estar en Chantada este sábado poderán ver o concerto integramente a través de internet.

Haberá actividades durante todo o dia. Dende xogos infantis, billarda, cantos de taberna, até xogos bravús: lanzamento de boina, arrebolamento de ourizos, corrida de leiteiras ou movemento de marcos.

Cartaz do Catañazo Rock 2012 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.