Catro anos sen Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Fernando Pérez-Barreiro Nolla Dominio Público Praza Pública

O 4 de xaneiro de 2010, hai catro anos, finaba en Lancaster (Inglaterra) Fernando Pérez-Barreiro Nolla, o escritor e tradutor ferrolán que nos anos sesenta se ocupou, xunto con Plácido Castro, das emisións en galego da BBC. Marchou a Londres en 1963 e xa non regresou a Galicia e, como lembraba Xosé Manuel Pereiro nun obituario publicado en El País "quizais fose a súa discreción e ese afastamento xeográfico, que non afectivo nin intelectual, os que impediron que en Galicia a súa figura e a súa obra tivesen o coñecemento que merece.

Licenciado en Dereito, entre 1963 e 1969 traballou para os servizos exteriores da BBC, para posteriormente incorporarse como tradutor á Organización Internacional do Café, até a súa xubilación. Polo camiño, Pérez-Barreiro, que dominaba unha ducia de linguas, licenciouse tamén en lingua e literatura chinesa e realizou unha estadía en Beixín, inaugurando un vieiro moi pouco practicado por occidentais nese tempo.

Verqueu a Shakespeare por primeira vez ao galego, en 1972, co Macbeth, e tamén foi pioneiro na tradución de obras chinesas ao galego

Nos anos noventa exerceu como profesor universitario de tradución na universidade de Westminster e foi este labor de tradutor o que o mantivo en contacto máis directo con Galicia, ademais dos seus artigos en medios como A Nosa Terra ou Tempos Novos. Verqueu a Shakespeare por primeira vez ao galego, en 1972, co Macbeth, e tamén foi pioneiro na tradución de obras chinesas ao galego. Tamén traduciu Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello (Lewis Carroll), canda a súa dona Teresa Barro, e o primeiro deses títulos valeulle o premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís, a nivel estatal.

Xulio Ríos, director do IGADI (centro de estudos co que Pérez-Barreiro colaborou nos seus últimos anos) destacaba nun artigo en Praza que "Cabe a aqueles que o coñecemos alentar a difusión da súa traxectoria, da súa obra, do seu pensamento, tan tristemente ignorados na Galicia  contemporánea, allea á significación de quen foi un dos seus máis comprometidos servidores". O pasado ano Xerais publicou as súas memorias, Amada Liberdade, un texto que convida "dende unha postura singular e non exenta de polémica, a unha reflexión filosófica, cultural e política da situación en Galicia durante a última metade do século XX".

"Mellor nos iría abandonando os maximalismos de uns e outros e afacéndonos a ese proceder vital do Fernando, encarnación doutra Galicia con outros miramentos, con outros pensamentos, libres pero non individualistas"

Sobre estas memorias, Xulio Ríos salientaba que o libro reflectía "as ideas dun intelectual comprometido pero sen mais ataduras que as libremente consentidas, o tipo de persoas que Galicia precisaría e precisa para desentumecerse, para gañar en autoestima e respecto, con capacidade crítica pero sen animosidade, con honestidade e sen rancores. Iso ao que el sempre deu importancia por riba das capelas e outras mediocridades". E concluía que "mellor nos iría abandonando os maximalismos de uns e outros e afacéndonos a ese proceder vital do Fernando, encarnación doutra Galicia con outros miramentos, con outros pensamentos, libres pero non individualistas".

"A quen observa a cultura galega, ofréceselle un panorama no que se expresa en galego unha cultura esencialmente española, a española de hoxe, que supón unha enxurrada de modas, modais e modismos da vulgaridade universal"

No seu derradeiro traballo publicado na web do Grupo Galego de Londres, Non abonda coa lingua, sinalaba que "a defensa da lingua, que é tarefa nobre e parte do galeguismo de sempre, desvía a atención da defensa dunha cultura e unha sociedade que sexan igualmente creativas". E concluía que "o resultado terríbel é que, a quen observa a cultura galega, ofréceselle un panorama no que se expresa en galego unha cultura esencialmente española, a española de hoxe, que supón unha enxurrada de modas, modais e modismos da vulgaridade universal".

Fernando Pérez-Barreiro Nolla Dominio Público Praza Pública
Homenaxe do IGADI a Fernando Pérez-Barreiro Nolla © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.