Catro días para o Culturgal: o mellor auditorio para a música e o teatro de aquí

Cantos na Maré celebrará o seu décimo aniversario no Culturgal © Culturgal

Quedan menos de catro días. O Culturgal xa está aquí e resulta difícil resumir nunhas liñas o mellor dos contidos que ofrecerá entre o venres e o domingo en Pontevedra: presentacións e libros, debates, proxeccións, e tamén moita música e moito teatro. A pesar do complicado momento polo que están a pasar as artes escénicas, nesta edición do Culturgal o sector aposta por ter máis presenza que nunca, con 35 actividades programadas e 13 stand relacionadas co sector.

Haberá nove representacións para nenos e nenas da man de Babaluva, Baobab, Caramuxo Teatro, Os Señor das Dunas, Quinquilláns, Elefante Elegante, O Carballo con Botas, Os Sete Magníficos máis un e Fantoches Baj. E tamén haberá escena para os adultos, con Inversa Teatro, Pinga Teatro, Radio Torreiro, Talía Teatro, Gaivotas Subterráneas, Funboa Escénica, Cisma Danza, Gustavo Pernas e Os Monicreques de Kukas.

Roberto Vidal Bolaño será un dos grandes protagonistas, quentando motores para o 2013

Roberto Vidal Bolaño será un dos grandes protagonistas, quentando motores para un 2013 que de seguro estará inzado de actos e homenaxes. No marco do Culturgal presentarase a este respecto o libro de Camilo Franco, Dez obras na vida de Vidal Bolaño, e a publicación da Obra completa do dramaturgo por parte da Asociación Roberto Vidal Bolaño, que tamén realizará a súa presentación oficial. Tamén se presentará o libro Banqueiros, de Francisco Pillado. E haberá unha intervención da Plataforma das Artes Escénicas, que forma parte da iniciativa Cultura contra a Mentira.

 

Tres días de música

En canto á música, destaca a actuación na Sala Karma da Banda Fura Fura, que conta coa presenza de Xurxo Souto, Sés, Ico, O Leo e Bocixa, entre outros, e cuxo concerto será seguido dunha picada de música galega a cargo de María Yáñez e Iago Martínez. Actuarán tamén Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero co seu proxecto aCadaCanto. Uxía achegará dúas propostas de traballo multidisciplinar: María Fumaça: Andando a Terra, un disco que pon música aos poemas de Manuel María, e Cantigas de Muller, un compendio das voces femininas. Ademais, presentará o décimo aniversario de Cantos na Maré, a cita anual obrigada coas músicas da lusofonía.

En total, 18 actuacións en directo e 13 presentacións de proxectos musicais. Todas de balde.

Haberá igualmente varias presentación de discos. Por exemplo Xoán Curiel presentará o seu Magnético Zen, Emilio Rúa o seu Destino Sur e Silvia Penide y los Animales o Animal de Compañía. Tamén poderemos escoitar outras bandas de moi distintos estilos: Balakandra, Virandeira Folk, Flip Corale y Los Macabros, A Máquina do Tempo, a Factoría de Subsistencia de Josito Porto ou o Martelo de Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez. En total, 18 actuacións en directo e 13 presentacións de proxectos musicais. Todas de balde.

Cantos na Maré celebrará o seu décimo aniversario no Culturgal © Culturgal
Talia Teatro será unha das compañias que amosen o seu traballo na feira © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.