Catro semifinalistas galegos no Proyecto Demo de Radio3

Dirty Socks Dominio Público Praza Pública

Entre o 7 e o 19 de marzo os internautas poderán elixir a súa nova banda favorita entre os 30 semifinalistas do Proyecto Demo de Radio3, escollidos entre máis de 700 candidatos. Hai catro galegos entre estes trinta, que agora pelexarán por ser finalistas do certame; dous deles serán escollidos por un xurado e un polos votos na páxina do concurso. A final celebraráse o 12 de abril en Prado del Rey (Madrid) nun programa especial de Los conciertos de Radio 3 que se emitirá en La2. O gañador actuará no FIB de Benicàssim. En anos anteriores bandas como El Columpio Asesino, Standard ou Jane Joyd obtiveron o triunfo.

Denis Suárez, Alberto Barreiros, Francisco D. Varela e Anxo Rodríguez forman Dirty Socks, unha banda compostelá con influencias de Placebo, The Sonics ou These New Puritans. Publicaron un EP e preparan xa un segundo, Abandoned Warehouse. Nos últimos anos fixéronse co certame Musicaxove 2009 ou cos Levi's Unfamous Music Awards en 2010.

Álvaro Blanco Figueira, Angel Marcos Pardal, Nicolás Nieto Álvarez, Javier Buela Martínez e Raul Santiago Lema son os compoñentes de Músculo!, que se definen así: "Somos cinco. Somos de Galicia. Somos rítmicos e melódicos. Somos ruidosos e bailóns. Somos guitarreiros e electrónicos. Somos distorsión e bombos machacóns. Somos sintetizadores e baixos pesados". 

Trajano! foi unha idea de dous galegos, Lois Brea (guitarra e voz) e Juan Cea (guitarra), aos que se uniron un vallisoletano e un madrileño. Fan unha gravación caseira no piso de Lois e cólgana na rede, conseguindo un gran número de fans e enchendo salas de renome como Nasti e Costello en Madrid. Este nadal a banda pechouse durante tres días para gravar un EP producido por Roberto Mallo.

Raposo é o ourensán Fernando Epelde García, que tamén toca en Modulok (tamén semifinalista deste Proyecto Demo) e Alta Cabeza. Dedícase tamén á fotografía, ao audiovisual e sobre todo ao teatro; con Ud. no está aquí, fíxose co Premio Tirso de Molina e hai uns días Rubén Ruibal citábao como un dos máis prometedores autores teatrais de Galicia.

Dirty Socks Dominio Público Praza Pública
Musculo! Dominio Público Praza Pública
Trajano! Dominio Público Praza Pública
Raposo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.