Hai unhas semanas botou a andar CeibaRimas, unha iniciativa que busca impulsar o uso da lingua galega no rap improvisado a través de obradoiros e competicións. Dende entón leváronse a cabo varias actividades en cidades de toda Galicia e unha serie de eventos online, que deron lugar a unha clasificación. Os oito primeiros rimadores e rimadoras nesta lista competirán na Gran Final da I Liga CeibaRimas, que se celebrará este sábado 3 de outubro a partir das 18.30 horas.
Este sábado celébrase a Gran Final da I Liga CeibaRimas, coa participación de 8 finalistas, nun evento que será retransmitido en streaming
O participante que obtivo unha maior puntuación nas clasificatorias foi Óscar o Arrieiro, mais nas batallas pode pasar calquera cousa. A lista de finalistas complétana MC MOG, Jallejo, Amorodo, A Rabela, XeVa, O Pirata e Rei Murtino.
As batallas de freestyle están a gañar cada día máis seguidores e notoriedade, mais case non hai referentes que o fagan en lingua galega. A Liga CeibaRimas repartirá 500€ en premios para as persoas gañadoras desta primeira edición online.
As batallas de freestyle están a gañar cada día máis seguidores e notoriedade, mais case non hai referentes que o fagan en lingua galega
O evento, transmitido por streaming, contará co mesmo xurado das clasificatorias: Frank Huxley, MC, freestyler e componente da banda Rebeliom do Inframundo; Xenderal, cantante de rap e ragga; e Sara Marchena, improvisadora oral e filóloga. Así mesmo, será conducido por Lil Moma, o presentador da métrica.
O freestyle ou as batallas de galos convertéronse nos últimos anos nun fenómeno que reúne milleiros de mozos e mozas en eventos públicos, coma os que en varias ocasións se celebraron en Nigrán. As competicións son seguidas, ademais, por centos de milleiros de persoas en directo a través da rede. Ademais, os encontros de adestramento ou as competicións locais xuntan tamén grupos en parques e prazas de varias cidades galegas, nas que é cada vez máis habitual atopar a mozos e mozas rimando, regueifando e improvisando sobre unha base musical.
O proxecto Ceiba Rimas está impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e conta coa colaboración de varias empresas privadas e dos concellos das localidades que acolleron as súas actividades, como Rianxo, Ames, Lugo, O Grove, Cambados, Negreira, A Guarda ou Cambados.
Dende a organización destácase que "a pesares de ter estrutura de competición, xa que ao remate do evento final se proclamará unhx gañadorx, a deportividade, os valores e o respecto manteranse presentes durante todos os eventos". Así, tanto os obradoiros como as competicións "levaranse a cabo nun ambiente de seguridade e creatividade para poder avanzar todxs no bo camiño e poñer o freestyle galego no mapa". "Xuntamos unha equipa que traballa arreo e sen ánimo de lucro para poder garantir un correcto desenvolvemento das actividades e deste xeito fomentar o emprego do idioma galego neste tipo de disciplina", engaden.