Cen anos de Tove Jansson

A chegada do cometa Dominio Público Praza Pública

Este ano faría cen anos Tove Jansson, e o selo Sushi Books de Rinoceronte Editora radicado en Cangas do Morrazo celébrao coa edición de dous exemplares da autora finlandesa, O sombreiro do mago e A Chegada do cometa.

A fama de Tove Jansson sitúaa como unha das autoras máis importantes da literatura finlandesa, recoñecida internacionalmente en 1966 co Premio Hans Christian Andersen de literatura infantil polo conxunto da súa obra e cun número de vendas no seu país só por debaixo das obras de Mika Waltari e el Kalevala. No 1945 a adorable familia Mumin cobraba vida nun álbum ilustrado dirixido ao público infantil que trataba o tema da familia e as vicisitudes polas que estas atravesaban. Os Mumin son uns personaxes redondos de caras brancas con enormes narices que semellan hipopótamos e, deseguida, conquistaron o público. Tove Jansoon naceu en Helsinki o 9 de agosto de 1914 e foi ademais de escritora, unha grande ilustradora e pintora finlandesa que escribiu en sueco, o sueco é unha lingua minorizada dentro de Finlandia e fálase nas zonas costeiras do país. 

O éxito dos Mumin radica na exaltación de valores como o da familia, a fantasía, a amizade e a xenerosidade. Os libros que Sushi Books tira do prelo na nosa lingua van dirixidos a rapaces de oito anos en diante. O Sombreiro do Mago conta como despois de invernar a familia atopa un sombreiro que transforma cousas sen que eles o saiban, unha casca de ovo convértese así por exemplo, en cinco nubes pequenas. Ese sombreiro ten dono e vai resultar ser un trasgo que, aínda que posúe intencións malignas, acaba por facerse amigo dos Mumin. A Chegada do cometa é unha fantástica aventura guiada pola curiosidade que supón seguir un vieiro que non se sabe onde vai. De camino Mumintroll e Snif topan cun mono filosófico que lles conta a existencia de cometas catastróficos que poden acabar co Val dos Mumin. Afortunadamente e despois de poner a salvo os habitantes do val, o cometa afástase sen perigo.

Sushi Books convoca ata este domingo sorteos en Facebook e en Twitter e ademais podes follear as primeiras páxinas dos libros de Tove Jansson en formato isuu (aquí e aquí).

O sombreiro do mago Dominio Público Praza Pública
A chegada do cometa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.