Cheikh, o senegalés que escribe en galego: "Para chegar a algo aquí hai que suar moito"

Cheikh Fayé, na praza das Conchiñas da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

En Galicia viven na actualidade algo máis de 2.000 senegaleses, 800 deles na Coruña e a inmensa maioría na Agra do Orzán. Alí chegou tamén, hai 14 anos, Cheikh Fayé, que este xoves presenta no epicentro deste popular barrio, a praza das Conchiñas, o seu libro Ser Modou Modou. Na obra, editada pola Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG), relata a forma de vida del e dos seus compatriotas no país, os motivos da súa chegada ou as semellanzas e diferenzas culturais entre as dúas terras. E faino en galego, converténdose no primeiro nativo de Senegal en escribir nesta lingua.

Cheikh Fayé relata a súa vida en Galicia e os motivos da súa chegada en 'Ser Modou Modou', primeiro libro en galego escrito por un senegalés

Este "senegalego", como el di, comezou hai dous anos a recoller as súas reflexións nun blog para logo decidirse a afondar nelas nun libro. "Falo da inmigración senegalesa, da nosa cultura, de Galicia, do que aquí nos ocorre", explica quen cre que a obra "pode axudar ao recoñecemento mutuo dos pobos e á convivencia". Iso é o que pretende Fayé, que estivo xa hai ben tempo empregado algúns meses na ferralla ou na electrónica pero que gaña a vida percorrendo as feiras de Galicia coa venda ambulante. Acaba de chegar de Muros e medita cal será a seguinte parada analizando os diferentes prezos que os concellos lle cobran por instalar o seu posto. "Hainos que che cobran dez euros por montalo e outros que che piden 50 por cada metro que ocupes", conta.

Todo, agora, élle algo máis complicado que nos seus inicios. "Cando cheguei en 2003 non era difícil atopar traballo; conseguín os papeis dous anos despois e ía tirando, pero a crise fixo todo máis difícil", conta a quen a venda ambulante dálle para "ir tirando" e para enviar cartos á súa familia, toda ela en Senegal, país que visita cada ano "se a situación económica o permite".

"Cremos que Europa é o 'Dourado', que é chegar aquí e atopar traballo fácil, pero a realidade é outra"

"A idea que temos nos países subdesenvolvidos é que Europa é o Dourado e que chegar aquí xa é o éxito, que vas atopar traballo fácil e a cobrar un soldo, pero a realidade é outra", reflexiona Cheikh, que repara nas "dúas grandes barreiras" que os inmigrantes senegaleses atopan: "o idioma e a residencia". "Para chegar a algo hai que suar moito", engade quen saíu do seu país coa intención de residir en Italia. "De camiño aló un compañeiro recomendoume vir a España e cando xa ía cara a Murcia, desde alí dixéronme que probara en Galicia porque a situación para a xente sen papeis era máis doada e tranquila", di. "Así foi e así o din moitos senegaleses", conta.

Impactado e encantado aínda hoxe pola paixaxe galega -"cheguei dun país seco e aquí todo está verde sempre", di-, Fayé define Galicia como "unha terra boa e de acollida" e amósase convencido de que "o feito de que o pobo galego sexa emigrante" inflúe no bo trato que reciben el e os seus compañeiros. "Algo de racismo sempre hai en todas partes, pero se facemos un balance global, Galicia é un lugar con xente moi acolledora; os problemas de discriminación que hai no mundo son, en realidade, de ignorancia; a cultura é o máis importante", explica.

Fayé presentouse ás municipais polo BNG na Coruña pero a súa candidatura foi anulada por non ter a nacionalidade española

Implicado como poucos na sociedade e cultura galegas, Cheikh Fayé foi un dos dous candidatos do BNG nas últimas eleccións municipais aos que a xunta electoral impediu ir nas listas por non teren a nacionalidade, esa que aspira a conseguir no vindeiro mes de setembro. "É preciso implicarse; somos nós os que podemos explicar mellor que ninguén os nosos problemas e os que debemos involucrarnos para intentar conseguir solucións", argumenta.

Na presentación deste xoves na Coruña colaboran o Foro Galego da Inmigración, SOS Racismo Galicia, Viraventos e Ecos do Sur, así como a asociación de veciños do barrio a onde chegou hai 14 anos e onde a comunidade senegalesa é das máis importantes. "Aquí estamos moi ben", di Fayé mentres saúda un coñecido compatriota, ex-futbolista do Senegal que leva as súas dúas pequenas coruñesas da man, que lle dá a noraboa polo libro, un dos máis vendidos xa na tenda da AS-PG. Nas case 150 páxinas, ademais das historias de Cheikh, pódese gozar das ilustracións dos nenos cun colexio coruñés.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.