Chernóbil 30 anos despois, con ollos ferroláns

Unha das imaxes tiradas no lugar da catástrofe © César Toimil

O 26 de abril de 1986 tivo lugar o accidente nuclear de Chernóbil, que provocou milleiros de mortes e a evacuación de 350 mil persoas dunha zona (a central e a cidade de Pripyat) que hoxe continúa abandonada, coma se o tempo se detivera alí hai case trinta anos. O fotoxornalista ferrolán César Toimil viaxou en 2009 por primeira vez ao lugar da catástrofe co obxectivo de tirar algunhas imaxes para a edición dun pequeno caderno. Foi a primeira das súas oito visitas, que o levaron a coñecer con detalle o lugar e os seus habitantes. O resultado dese traballo foi a exposición Prohibida la apertura forzada de la puerta, realizada en colaboración con Álex Piñeiro, e que se inaugurou en 2011 no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. Tras pasar por varias cidades de toda España, a exposición chegou o 26 de abril de 2013 ao National Museum of Chernobyl de Kiev. Varias das imaxes hoxe forman parte da colección permanente deste museo.

O ano que vén, coincidindo co 30 aniversario da catástrofe, Toimil participará nun proxecto colectivo organizado polo Ministerio de Cultura de Ucraína, realizando unha serie de retratos na zona. "Con isto darei por concluído este proxecto. Gústame pechalo así, colaborando man a man con eles, síntome moi honrado de que conten comigo", sinala. Estas imaxes completarán a edición en libro das moitas fotografías que nestes últimos anos foi facendo no lugar. Ademais, hai unhas semanas vén de estrearse o documental Prohibida la apertura forzada de la puerta, no que Toimil conversa co propio Piñeiro e co xornalista Luis Llera sobre Chernóbil e a súa experiencia. En 2016, canda á difusión do documental e do libro, tentarán exhibir de novo a mostra fotográfica.

O interese de Toimil por Chernobil naceu no momento do accidente, que coincidiu co seu paso pola mili, destinado no Hospital Militar de Ferrol, en concreto no servizo de Raios X. “A dualidade da radioactividade, que por un lado pode curar á xente, pero que polo outro pode tamén facer tanto dano, chamoume a atención”. O outro motivo era máis persoal; o pai de Toimil, traballador de Bazán, foi un dos afectados pola asbestose producida polo amianto. De seguida ligou a historia persoal de seu pai, que en certa forma “deu a súa vida polo seu traballo”, coas historias dos traballadores da central de Chernóbil e os liquidadores, os milleiros de persoas (bombeiros, científicos...) que nos anos seguintes ao accidente minimizaron os seus efectos e desmantelaron o lugar.

"Creo que a xente en Ucraína valorou que eu, a diferenza de moitos dos xornalistas que nestes anos pasaron por aí, algúns verdadeiros turistas de catástrofes, non buscaba o morbo, as imaxes apocalíticas. Creo que as miñas fotografías achegan unha visión máis positiva, máis poética, poñen en valor o seu sacrificio". Nas imaxes de Toimil percíbese “a omnipresenza do home a través da súa ausencia” nos escenarios abandonados nos que se detivo o tempo. Pero tamén se ve como a vida se foi abrindo paso, "como a natureza reclamou o seu terreo". A árbore que crece sobre o cemento, nun andar dun edificio en ruínas, converteuse nun dos símbolos da exposición e, de feito, en cada cidade na que se puido ver a mostra Toimil e Piñeiro plantaron unha árbore.

Nas fotografías tamén hai personaxes, como Hanna, unha anciá que decidiu volver á casa da que fora evacuada. Ou varios dos liquidadores que durante anos arriscaron a súa saúde para frear os efectos do desastre e que hoxe son considerados heroes. Como lembra a xente o que pasou? Cal é o seu relato, trinta anos despois? "A xente nova nin se acorda nin se interesa, veno como algo do pasado. A xente maior si, pero non o viven como unha lousa, non o lembran con horror. Mesmo fan moitas bromas co sucedido. Hai outros que están aínda tentando asimilar todo e pelexan para que o Goberno compense algunha enfermidade ou minusvalía provocada pola catástrofe. Hai tamén neles unha certa nostalxia do comunismo".

"A xente nova nin se acorda nin se interesa, veno como algo do pasado. A xente maior si, pero non o viven como unha lousa, non o lembran con horror"

"Este é un tema fundamental na historia de Europa e do Mundo. Estou seguro de que a URSS non tería caído tan rápido de non ser por esta catástrofe", destaca, ao tempo que critica os "moitos mitos que existen ao redor de Chernóbil: Non era unha central atrasada e, de feito, un dos reactores que non estoupou continuou funcionando ata o ano 2000".

"Non fai falla marchar moi lonxe ou ser reporteiro de guerra. Os fotógrafos locais seguen durante anos os acontecementos dun lugar, son testemuñas do paso do tempo dunha cidade, e iso é moi importante"

"Moita xente pregúntame se estou a favor ou en contra da enerxía nuclear, como se por ter visto en persoa o que pasou tivese que ter unha posición moi definida. Pero é unha pregunta difícil de contestar", destaca. "Os residuos que xera son máis controlables que, por exemplo, os dunha central térmica de carbón. Pero a única enerxía limpa é a que non se consome, a mellor maneira de ser anti nuclear é non consumir tanta enerxía", di. O de Chernóbil foi o maior accidente nuclear da historia, só igualado en perigosidade en 2011 polo de Fukushima (tamén de escala 7 de eventos nucleares). "A conclusión que saco vendo o de Fukushima é que moitas das cousas que se lles criticaron aos soviéticos no seu momento (improvisación, ocultación...) repetíronse en Xapón 25 anos despois", sinala.

A primeira visita de Toimil a Ucraína foi en tren, levándolle seis días cruzar todo o continente europeo. En 2016, sete anos e nove viaxes despois, pechará un proxecto que realizou de vagar e con agarimo: "Nunca tiven présa. Creo que é importante nun tema coma este". Toimil reivindica tamén o fotoxornalismo de proximidade, do día a día: "Non fai falla marchar moi lonxe ou ser reporteiro de guerra. Os fotógrafos locais seguen durante anos os acontecementos dun lugar, son testemuñas do paso do tempo dunha cidade, e iso é moi importante. Tanto se pasa algo grande, coma nas pequenas cousas de cada día, están aí. É un privilexio".

César Toimil, na inauguración da exposición en Ferrol, en 2011 Dominio Público Praza Pública
Fotograma do documental 'Prohibida la apertura forzada de la puerta' Dominio Público Praza Pública
Mensaxe que se pode ler nos trens e que dá nome á exposición e ao filme © César Toimil
Unha das imaxes tiradas no lugar da catástrofe © César Toimil
Un dos edificios abandonados en Pripyat © César Toimil
Unha das imaxes icónicas da cidade abandonada © César Toimil
Inauguración da exposición en Kiev, en 2013 © César Toimil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.