O espectáculo, unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Teatre Lliure e a a propia compañía, achégase ao mito da persoa xordocega máis coñecida do século XX. Pódese ver en Santiago entre o 15 e o 25 de febreiro
Chévere presenta o día 15 de febreiro no Salón Teatro de Santiago o seu novo espectáculo, protagonizado polas actrices Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo. A obra, titulada Helen Keller, a muller marabilla?, con dramaturxia e dirección de Xron, e con Borja Fernández como axudante de dirección, permanecerá en cartel ata o día 25, e xirará posteriormente dentro de Galicia por cidades como Vigo, Pontevedra, Coruña, Ames e Carballo. Ademais, o espectáculo fará tempada no Teatro Valle Inclán-CDN (Madrid) en marzo e abril e no Teatre Lliure (Barcelona) no mes de maio.
Este novo proxecto de Chévere explora as posibilidades de integrar nunha mesma obra e ao mesmo nivel o galego e a lingua de signos (LSE), dúas linguas minorizadas que conviven e comparten situacións de marxinación na nosa sociedade. O experimento de integrar dúas linguas de natureza tan distinta condiciona a posta en escena e o resultado final, pero tamén é un xeito de confrontar ás persoas oíntes coa realidade e a cultura das persoas xordas, destaca a compañía.
Ademais, Chévere está a traballar para que a obra resulte accesible para persoas cegas, facilitando un servizo de audiodescrición en todas as funcións, para o que se contou coa colaboración do persoal especializado da ONCE. Por último, a compañía estableceu contactos con intérpretes que traballan con persoas xordocegas para que, poidan contar co seu acompañamento durante a función, previa solucitude.
Chévere está a traballar para que a obra resulte accesible para persoas cegas, facilitando un servizo de audiodescrición en todas as funcións, para o que se contou coa colaboración do persoal especializado da ONCE
Todo comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para o grupo, chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os sete anos. Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. E polo que se sabe, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais.
Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos vanse descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que nega que os logros de Helen Keller sexan reais, incluíndo unha petición en change.org para eliminala da historia.
Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista?
Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista?
Son preguntas que tratan sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser considerada unha muller marabillosa e ao mesmo tempo poder vivir simplemente como unha muller independente e autónoma. Sobre a posibilidade de aceptar que sexa unha muller xorda quen rache os silencios sociais ou que sexa unha muller cega quen abra os ollos da sociedade diante da inxustiza que nos rodea. Alén diso resoa a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. "Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?", pregúntase finalmente a compañía