Chévere leva ao teatro o polémico discurso de Feijóo na recepción de 'A derradeira leición do mestre'

Chévere estrea 'Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)' o 20 de febreiro © Chévere

Chévere destaca que o "detonante" da creación da obra foi o acto de recepción do cadro de Castelao que organizou o goberno galego en outubro do 2018 no que Feijóo provocou a indignación cun discurso no que obviou o significado da pintura, os asasinatos dos golpistas ou a execución de Bóveda

En outubro de 2018 chegou a Galicia o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre para ser exposto por primeira vez fóra de Bos Aires, nunha mostra que se puido ver na Cidade da Cultura. Porén, no acto de recepción da simbólica pintura o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, provocou a indignación ao obviar no seu discurso o significado do cadro, que eloxiou como un "símbolo" da "defensa da educación fronte ao fanatismo", pero sen mencionar os asasinatos dos golpistas obviando a execución de Alexandre Bóveda, cuxa memoria é tema clave no propio cadro.

Oito anos despois aquel episodio é a base a partir da que a compañía Chévere constrúe a súa última obra, Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), que a compañía estrea no Auditorio de Galicia de Compostela o vindeiro 20 de febreiro. Este novo espectáculo, que fala de como se constrúen as narrativas da memoria, faise en coprodución co Centro Dramático Nacional de Madrid e permanecerá en Santiago ata o 22 de febreiro para iniciar posteriormente unha xira polas principais cidades e vilas de Galicia. 

A obra está dirixida por Xron e conta cun elenco formado por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Marcos Pereira, Gema Santos e Borja Fernández

Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, nos ensaios da obra © Chévere

Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao) estréase no Auditorio de Galicia de Compostela o vindeiro 20 de febreiro e despois iniciará unha xira por varias cidades e vilas galegas

Chévere destaca que esta é "unha obra sobre a memoria, sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver da nosa memoria histórica". Unha obra "que usa como fío condutor a memoria ligada á derradeira pintura que Castelao asinou no exilio, cando xa estaba case cego".

A compañía destaca que o "detonante" da creación da obra foi o devandito acto de recepción do cadro de Castelao que organizou o goberno galego en outubro do 2018. Nese acto de recepción o presidente da Xunta "expresou claramente unha intención narrativa". "Quérenos contar unha historia. E nós queremos descubrir como é esa historia", di a compañía. "Por que silenciou o goberno galego o nome do protagonista do cadro? Por que non quixo dicir que foi asasinado polos autores do golpe de estado de 1936? Por que presentou o cadro como unha homenaxe á educación se para o seu autor se trataba dunha homenaxe ás persoas asasinadas polo fascismo? Que pasa coa nosa memoria colectiva?", pregúntase Chévere.

Chévere destaca que esta é "unha obra sobre a memoria, sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver da nosa memoria histórica"

"Nesta ocasión, traballamos a partir dun dispositivo escénico documental para xerar unha historia de ficción que combina documento e ficción, teatro e testemuño, trauma e memoria", din dende Chévere, que engade que se superpoñen "a verdade histórica e a verdade teatral ata que deixan de ser elementos separados e acaban formando parte indistinguible dunha mesma historia, a historia que se constrúe en escena". 

Aínda que as entradas para as funcións de Santiago están xa esgotadas, a obra poderase ver tamén en Pontevedra (Auditorio Afundación, 27 de febreiro), O Carballiño (Auditorio Municipal 28 de febreiro), Vigo (Sala Ártika 6, 7, 8, 13, 14, 15 e 16 de marzo), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro 20 e 21 de marzo), Cangas (Auditorio Municipal, 11 de abril), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 16 de abril), Ourense (Teatro Principal 17 e 18 de abril), Ames (Casa da Cultura de Bertamiráns 8 e 9 de maio) e Narón (Pazo da Cultura, 17 de maio).

Proceso de preparación da obra © Chévere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.