Chévere só representará 'Eurozone' en Teo pola parálise da rede de distribución

Presentación de 'Eurozone' CC-BY-SA Alberto Ramos

A nova montaxe da compañía é un “panfleto teatral” no que os líderes europeos bailan ao son da violencia estética de Tarantino. Estréase este venres en Teo, onde se poderá ver durante tres semanas. O periplo por Galicia queda aprazado, ante a situación das artes escénicas

As angelas merkel, os david cameron ou os luis de guindos veranse inmersos nunha gran operación... na que algo sae mal

“Europa. Así nos chamamos e así somos. O resultado dunha violación. Dun cruce antinatura entre un deus saído, travestido en touro, e unha pija con ganas de marcha”. Así comeza Eurozone, a nova montaxe de Chevere, na que baixo a dirección de Xesús Ron, un grupo de oito actores interpretarán -con grandes doses de metateatro e retranca- os líderes dunha Unión Europea moribunda. As angelas merkel, os david cameron ou os luis de guindos veranse inmersos nunha gran operación... na que algo sae mal. Cada un dos membros desa operación recibe un nome en clave -que responde aos diferentes países da Eurozona- e acaban por reunirse nun gran casino pendente de inauguración para saber cal foi o erro que provocou que España recibise un tiro e que se estea a desangrar sen contemplacións.

“Estreamos unha montaxe de gran formato, a máis ambiciosa dos máis 25 anos de vida de Chévere e nun contexto de ruptura, de acabamento do teatro galego”

Con este punto de partida, o grupo Chévere traslada os grandes tecnócratas da Unión Europea ao Reservoir Dogs de Tarantino na que será, segundo o propio Ron, a obra de maior calado da histórica compañía e que chega nun momento de incertezas. “Estreamos unha montaxe de gran formato, a máis ambiciosa dos máis 25 anos de vida de Chévere e nun contexto de ruptura, de acabamento do teatro galego”, explicou o director da escena, facendo referencia á complexa situación que atravesan as artes escénicas do país. Unha situación crítica que se resume na paralización das redes de distribución neste ano -decisión institucional definida por Ron como “puñalada por detrás”- e que está a motivar as mobilizacións dos profesionais do sector reunidos na chamada Plataforma das Artes Escénicas e Musicais.

A crise é aguda e Chévere non se libra das consecuencias, xa que a compañía estreará este venres a obra en Teo, pero terá que adiar sen data a súa xira por Galicia. Deste xeito, un dos poucos espectáculos de gran formato do ano podería quedar reducido, polo momento, nas nove funcións que se celebrarán no Auditorio da Ramallosa entre este venres e o próximo 10 de marzo. “A xira está cancelada”, explicou Ron na rolda de prensa para presentar a produción.

“Hai un nivel de investimento privado do 50%. Isto é unha actividade empresarial, non estamos aquí para recibir subvencións”

Non obstante, Ron non se quedou unicamente nunha reivindicación escénica, senón que tamén denunciou o grave problema “empresarial” que se lle está a causar ao sector. “Non é só unha queixa teatral. A paralización das redes é un gran dano empresarial, xa que a rede é a única vía de distribución que hai. Por iso, prodúcese unha quebra empresarial”, sinalou Ron, quen ademais asegurou que o orzamento da obra non procede todo de axudas públicas. “Hai un nivel de investimento privado do 50%. Isto é unha actividade empresarial, non estamos aquí para recibir subvencións”, matizou.

 

“Ser europeos no S.XXI”

“Retrata a situación actual de Europa e amosa que vén significando ser europeo a comezos do século XXI. Un momento en que os cidadáns vivimos con perplexidade, porque nos queren facer culpables de algo que non provocamos”

Máis aló das reivindicacións, Chévere presentou hoxe a montaxe Eurozone como “un panfleto teatral” que analiza, dende a sátira, a crise económica e institucional que vive o vello continente. “Retrata a situación actual de Europa e amosa que vén significando ser europeo a comezos do século XXI. Un momento en que os cidadáns vivimos con perplexidade, porque nos queren facer culpables de algo que non provocamos”, asegurou Ron, quen tamén destacou a produción como “un exercicio de narración teatral”. E para levar a cabo tal “exercicio”, a montaxe conta cun elenco conformado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza de Villar, Manuel Cortés, Iván Marcos, Pepe Penabade e Borja Fernández. Todos eles, uniformados co característico traxe negro de Reservoir Dogs, intercámbianse os papeis dos líderes europeos nunha crise que, de non ser polo drama que supón, ben podería ser un sainete adaptado ás consignas do teatro do absurdo. Un sainete no que algo saíu mal e España está a morrer por unha intoxicación de chumbo. Agoniza por mor dun disparo no medio e medio dun déficit polo que abrollan litros e litros de sangue. É dicir, unha auténtica sangría.

“Ante todo isto é moi necesario, máis que nunca, o panfleto teatral, xa que entre o panfleto teatral e a mentira oficial, podemos achar unha síntese da realidade”, engadiu o alcalde de Teo, Martiño Noriega

Eurozone é, polo tanto, un panfleto teatral, unha farsa sobre a crise da zona euro, sobre o final da idea de Europa tal e como a entendemos até agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio e sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro. “Ante todo isto é moi necesario, máis que nunca, o panfleto teatral, xa que entre o panfleto teatral e a mentira oficial, podemos achar unha síntese da realidade”, engadiu o alcalde de Teo, Martiño Noriega, quen ademais celebrou na rolda de prensa a “colaboración” coa compañía teatral e súa contribución a actividade cultural no municipio.

Eurozone chega este venres aos escenarios en Teo é un traballo de creación colectiva que se foi artellando dende cero ao longo dos dous meses de ensaios. Un proceso que estivo aberto a calquera persoa a través de Redenasa.tv, onde permanecen visibles os diarios de todo o equipo.

Presentación de 'Eurozone' CC-BY-SA Alberto Ramos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.