Cineuropa, Diario Cultural e Viñetas desde o Atlántico, candidatas ao Premio do Público Culturgal

Vista do Culturgal 2012 © Culturgal

O festival compostelán Cineuropa, o Diario Cultural da Radio Galega e Viñetas desde o Atlántico, veñen de ser elixidas candidatas ao Premio do Público Culturgal 2014, destinado a recoñecer a través da participación popular un proxecto cultural destacado no ámbito social. As tres candidaturas poderán votarse dende hoxe e até o 18 de novembro na web da Feira. O premio será entregado o domingo 7 de decembro no transcurso do Culturgal, que se celebrará do 5 ao 7 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Para seleccionar as tres candidaturas finais valoráronse especialmente por parte das asociacións que forman parte de Culturgal aquelas propostas que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación. Na primeira edición do Premio do Público, en 2013, a candidatura gañadora foi o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

De Cineuropa destacan que "é a festa do cine na capital galega durante o mes de novembro, desde 1987 apoiado polo concello de Santiago de Compostela como iniciativa pública que mantivo o seu compromiso co público de maneira ininterrompida. Ao redor de duascentas películas conforman anualmente un programa á altura das mellores citas cinematográficas do vello continente". O Diario Cultural da Radio Galega leva en antena desde a tempada 1990-91. Ademais, o espazo radiofónico converteuse nunha plataforma de creación a través de diferentes iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

Finalmente, a organización do Culturgal destaca que "desde 1998 o mes de agosto na cidade da Coruña é sinónimo de Viñetas desde o Atlántico, un salón de cómic internacional que non só impregna do espírito das viñetas á veciñanza senón que é un evento atractivo para os afeccionados de dentro e fóra de Galicia". A presenza de autores relevantes no ámbito internacional e o contacto directo entre estes e os lectores, a variedade de actividades e os eixos temáticos destacados cada ano, máis o pulo dado á banda deseñada galega convérteno nunha das iniciativas culturais máis estables do país. 

 

Off Culturgal

Dende Disquecool animan a participar a todas as persoas que poidan presentar unha proposta innovadora, creativa e sorprendente

De igual xeito, esta semana abriuse unha nova convocatoria de Off Culturgal, un espazo alternativo dentro da Feira, xestionado pola revista de tendencias Disquecool, no que se poden presentar proxectos de ámbito galego do campo da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía, etc. O prazo para enviar propostas está aberto até o 10 de novembro.

Cada participante ten 9 minutos para contar a súa historia: 6 estarán dedicados á presentación e 3 minutos ás preguntas do público. Cada intervención irá acompañada dunha presentación de 18 diapositivas, de 20 segundos cada unha, que se sucederán automaticamente mentres a persoa fala. Dende Disquecool animan a participar a todas as persoas que poidan presentar unha proposta innovadora, creativa e sorprendente. “Somos un espazo alternativo no que non nos importa se a vosa idea fará ou non cartos (esquecede palabras como monetización ou plan de negocio): queremos ver amor polo teu proxecto, talento, ideas, proxectos creativos, innovadores, emocionantes ou inspiradores”, explican.

Viñetas desde o Atlántico Dominio Público Praza Pública
O 'Diario Cultural' da Radio Galega Dominio Público Praza Pública
Culturgal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.