Este xoves botou a andar en Combarro (Poio) a XIII edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, un evento bianual que reúne 150 barcos chegados de todo o país pero tamén de Portugal ou do País Vasco. En terra, hai ademais unha chea de actividades co mar e a navegación como eixos, dende presentacións de libros a concertos, pasando por unha interesante programación para os máis pequenos.
Nesta ocasión destaca a ampla participación de embarcacións de Euskadi, acompañadas por unha ampla comitiva e da exposición “Nao San Juan, a construción da réplica dun baleeiro vasco do século XVI”. O evento galego foi escollido ademais polas institucións vascas para realizar unha acción de comunicación e de promoción especifica do Festival Marítimo de Pasaia, que terá lugar en maio de 2018, iniciándose tamén contactos con outros axentes culturais europeos que se congregan neste tipo de celebracións.
Este venres, así mesmo, a programación incluíu obradoiros infantís, un recital de poesía a cargo de Tamara Andrés, unha visita guiada ao conxunto histórico de Combarro, a presentación da revista Nova Ardentía e os concertos de Cé Orquesta Pantasma, Caxade e O Sonoro Maxín.
O sábado será un dos días grandes do Encontro, con varias presentacións de libros, recitais poéticos (Marta Dacosta, Lara Dopazo, Míriam Ferradás e Arancha Nogueira), roteiros e distintos obradoiros para cativos. Destaca a presentación do libro de fotografía de Xurxo Lobato Vento nas velas, e unha homenaxe aos falecidos do mar, que terá lugar ás 11 da mañá. Pola noite, os concertos correrán a cargo de Susana Seivane e o Orfeón Mariñeiro do Berbés.


Participantes no XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais
-
A Reiboa – Dorna de tope – Combarro -
A Boureante – Buceta – Combarro -
Jatiña – Dorna xeiteira – Portonovo -
Coruxo – Galeón – Bouzas -
A Oleira – Racú – Bouzas -
A Barola – Bote de Vigo – Bouzas -
Bote de pao – Bote pulpeiro – Ferrol -
Asodiña – Gamela guardesa – Porto Miau (Coia-Vigo) -
Casilda – Galeón muradán – Porto Miau (Coia – Vigo) -
Unicornio - Bote de Ribadeo – Cambados -
Ria de Ferrol – Lancha Trincado – Ferrol -
A Desexada – Bote de media construción – Sada -
Terceira – Bote de dúas proas (choupán) – Aguete -
Canouro – Bote das rías altas – Sada -
Pescadoira – Trainera – Bueu -
Feituca – Dorna Polbeira – Sada -
Diana – Gamela coruxeira – Congorza (Cangas) -
Rula – Gamela cordoeira – Congorza (Cangas) -
Leo - Bote do rio Leiro (Rianxo) – Vilanova -
Domaio – Bote Inglés- Moaña -
Tanisca – Gamela coruxeira – Combarro -
O JIPI - Chalana tipo loro – Cambados -
Langaño – Bote de Noia – O Freixo, Outes -
Joaquin Vieta – Balando ou Patache – O Freixo (Outes) -
Ranbandeira – Dorna de Escarba (Xeito) – Vilanova