A Romaría Pop, reúne o sábado 16 no parque compostelán de Belvís oito bandas galegas (Diadermin, Disco Las Palmeras!, La Familia, Mequetrefe, Músculo!, Sr. Fluzo, The Winning Numbers e Álex Casanova) que tocarán todo o día, dende a mañá até a noite. Ademais, haberá feira, rastauración, outras actividades culturais, xogos para os máis pequenos... Santiado DC é pop!
A Romaría está organizada por Desconcierto Cultural e ten un adianto o martes 12, cun concerto de presentación na Zona C de Compostela, con Holywater e Mullet. O sábado 16 as actividades comezan a media mañá e os primeiros concertos coincidirán coa sesión vermú. Ao longo da tarde irán sucedéndose as actuacións, até que xa á noite, a Romaría desprazarase ao pub Cachán, onde tocará Álex Casanova e pincharán os Desconcierto DJ’s. Falamos cos seus organizadores.
O sábado 16 as actividades comezan a media mañá e os primeiros concertos coincidirán coa sesión vermú. Ao longo da tarde irán sucedéndose as actuacións, até que xa á noite, a Romaría desprazarase ao pub Cachán
Como xurdiu a idea de facer a Romaría Pop?
Pois xurdiu nunha asamblea da asociación Desconcierto Cultural a finais do ano pasado, buscando crear un evento aberto ao público onde os músicos e bandas que temos na asociación puidesen tocar e mostrar o seu traballo a un público menos especializado do habitual. Pouco a pouco fómoslle dando forma, abrídoo a outras bandas galegas e dándolle ese cariz de Romaría ata chegar á idea actual.
Por que Belvís?
Dende o principio tíñamos clara a idea de facer o evento nun parque de Compostela. Belvís foi unha das opcións que barallábamos e pola que finalmente nos decantamos tendo en conta factores como infraestruturas, accesos, e o mantemento e conservación do espazo. Un parque magnífico no corazón de Compostela, no que, se o tempo acompaña, gozaremos dunha xornada campestre con música, comida, bebida, feira, actividades para os rapaces, etc., é dicir, un bo plan de sábado...
"Para darlle contido á feira contamos coa participación de diversos profesionais e tendas de Santiago que poñerán o seu posto libremente baixo a supervisión da Asociación"
Como vai a organización da feira, restauración, actividades infantís?
Dos 80 socios que forman a asociación uns 30 forman a comisión de traballo da Romaría Pop, e entre estes repartímonos a organización de cada un dos apartados que comentas e outros como contratación, produción técnica, sponsors, promoción, etc. Para darlle contido á feira contamos coa participación de diversos profesionais e tendas de Santiago que poñerán o seu posto libremente baixo a supervisión da Asociación. Algo similar sucede cos postos de restauración e para as actividades infantís contamos con propostas propias, desenvolvidas directamente pola Asociación (o escenario infantil ou o obradoiro de camisetas, por exemplo) e outras de colaboradores externos como o taller ambiental que levará a cabo o Concello.
Como se financia isto?
Pois a verdade, con moi poucos medios, pero moitísima boa vontade. Temos o apoio do Concello, que contribúe co escenario, todo o equipo técnico de son, e o material promocional como cartelería e flyers. Logo, contamos coa axuda de diferentes sponsors privados que por un lado achegan pequenas cantidades económicas que servirán para pagar elementos de produción imprescindibles, e polo outro achegan as mercadorías que se venderán nas barras e cuxos ingresos irán para as bandas participantes. Pola súa banda, Desconcierto Cultural achega o capital humano para poder levar a cabo a xornada a través do traballo desinteresado dos socios.
Nas romarías normalmente hai peregrinos que se dirixen a un santuario ou adoran unha imaxe ou obxecto. Que se adora nesta Romaría Pop?
Adorar, adorar, a música, que sen ningunha dúbida é o elemento motriz da Romaría e a paixón dos membros de Desconcierto Cultural.
"Nestes últimos anos están a sair unha gran cantidade de grupos moi interesantes en todas as vertentes do pop-rock (o cartel da Romaría Pop é un bo exemplo disto), aínda que hai que ter os pés na terra"
Como vedes o momento do pop en Galicia?
Afortunadamente goza de moi boa saúde. Nestes últimos anos están a sair unha gran cantidade de grupos moi interesantes en todas as vertentes do pop-rock (o cartel da Romaría Pop é un bo exemplo disto), aínda que hai que ter os pés na terra e saber que máis alá de 3 ou 4 artistas non se consegue chegar ao gran público. Fai falta moito máis apoio público aos artistas emerxentes ou a iniciativas sen ánimo de lucro como esta Romaría Pop, apoio en infraestruturas como máis locais de ensaio ou apoio en promoción que sirva para achegar estas propostas ao público menos especializado.
É Compostela unha cidade pop?
Totalmente. O ambiente de concertos en Compostela é espectacular se se compara con outras vilas, incluso máis grandes, galegas e absolutamente desproporcionado, no mellor sentido, se o comparásemos con vilas do seu tamaño no conxunto do Estado. E unha boa proba é que dende un Concello se apoiase decididamente unha iniciativa como a Romaría Pop, o que non é habitual.
"O ambiente de concertos en Compostela é espectacular se se compara con outras vilas, incluso máis grandes, galegas e absolutamente desproporcionado, no mellor sentido, se o comparásemos con vilas do seu tamaño no conxunto do Estado"
Para cando un pasarrúas ou charanga pop, para completar a romaría?
Todo chegará, todo chegará. Aínda que Desconcierto Cultural realiza concertos con regularidade, esta é a nosa aventura máis ambiciosa ata o momento, e levámola a cabo un grupo de persoas que non se dedica a isto profesionalmente, polo que non queremos vernos desbordados. Este ano aprenderemos dos acertos e dos errores que inevitablemente cometeremos e o ano que vén, quen sabe o que pode pasar. Todas as suxestións son benvidas!