Contra o IVE cultural que "mata" o ocio e a música en directo

Reivindicación contra o IVE cultural ante Facenda © Moncho Fuentes

Contra a suba do IVE cultural que está a "matar" a cultura. Unha concentración da plataforma Salvemos a Música e a Noite protestou na mañá deste martes ante a Delegación de Facenda na Coruña para denunciar "a crítica situación que viven o ocio e os espectáculos" como consecuencia da "salvaxe suba do IVE cultural ao 21%". Coa colaboración da Asociación Galega de Salas e Locais con Música ao Vivo, Clubtura, e a Alianza Empresarial por el Turismo y el Ocio Nocturno, Pronoche, a reivindicación que xa tivo lugar noutras cidades do Estado chegou desta vez ao país dentro da campaña O 21 todos contra o 21%.

Unha 'Santa Compaña do ocio e da cultura' representou a morte do sector ante a Delegación de Facenda

Representantes da plataforma acudiron á sede de Facenda acompañados por unha pretendida Santa Compaña do ocio e da cultura, dous actores caracterizados como cadáveres viventes que entraron -non sen algún problema- na sede da Axencia Tributaria para entregar unha carta dirixida ao ministro Montoro e na que se solicita unha reunión para negociar unha rebaixa do IVE cultural que, en palabras de José Vázquez, vicepresidente de Clubcultura, coloca as salas e locais "nun momento moi crítico". "Estano pasando moi mal", engadiu este membro dun colectivo que representa a boa parte das salas de concertos de Galicia.

Precisamente, a campaña contra a suba do IVE cultural espallarase durante esta semana nos locais de ocio e salas de concertos da Coruña, onde intentarán popularizar o berro de silencio, un xesto -levando o dedo á boca para denunciar os intentos de calar a cultura- que se está a converter en símbolo do mundo da cultura contra o incremento na carga impositiva no seu sector.

Desde o comezo da crise, en Galicia desapareceron máis de 250 empresas de ocio en Galicia

Ademais, a plataforma, aproveitando a celebración da Feira de Turismo Fitur, denuncia tamén a "ameaza" que para o turismo galego e estatal supón "o deterioro que sofre a oferta de ocio e espectáculos en toda España". "A vida nocturna é a primeira motivación para os cidadáns de entre 20 e 35 anos que visitan o Estado, o que supón que para máis de 95 millóns de europeos, a noite, a música e os espectáculos sexan o principal atractivo para visitar o territorio", engaden, tras censurar o "agravio comparativo" que supón para o sector que o consumo de bebidas estea "penalizado" nos locais de ocio cun 21% "fronte ao 10% de IVE reducido do resto da hostelería, hoteis, cinemas e bingos".

Segundo os datos que achega o colectivo, durante a crise e ata o ano 2012, desapareceron máis de 250 empresas de ocio en Galicia, unha cifra que se eleva ás case 4.500 no conxunto do Estado, o 18% de todas as compañías do sector. Ademais, desde a suba do IVE, a actividade de ocio nocturno en zonas turísticas caeu un 67% nas zonas turísitcas.

A plataforma lembra o "goteo constante" de peches de salas que foron "templos da vida nocturna ou cultural" en Galicia durante 2013

"O máis chamativo deste traxedia é o goteo constante de peches de salas, suspensións de festivais e caídas de xiras no último ano", destacan, e recordan que en Galicia veñen de pechar en 2013 "templos da vida nocturna ou cultural" como a sala Nasa en Compostela; a Green e Ultimate Sin na Coruña; a Sala A de Vigo; ou o Rock de Ourense.

Precisamente, e en canto ao ocio nocturno, a plataforma Salvemos a Música e a Noite aclara que desde que comezara a crise o sector caeu un 50%, cun retroceso económico de 330 millóns de euros e a destrución de máis de 1.600 postos de traballo.

Reivindicación contra o IVE cultural ante Facenda © Moncho Fuentes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.