O viño e os festivais de música cada vez maridan mellor, e en Galicia temos moitos e bos exemplos nos últimos tempos, dende Os xoves de Códax, o Festival do Viño da Ribeira Sacra, o Ribeiro Son de Viño ata o festival Ribeira Sacra. E agora chega o Costeira Sonora, un novo evento para gozar da mellor música cunha copa de bo viño na man e nunha contorna natural excepcional.
O vindeiro 28 de setembro o Pazo de Toubes (Cenlle), no corazón da D.O. Ribeiro, acollerá o festival Costeira Sonora, máis de dez horas de música ininterrompida nun cartel encabezado por Ángel Stanich (en formato trío), El Meister, Las Chillers, a portuguesa Surma e María Yfeu, unha das revelacións do soul dos últimos anos. Ademais, nos últimos días uníronse á programación o ourensán Jacobo Feijóo (DJAKE), e a monfortina Marta Fierro (EME DJ), que pechará a noite.
Os viños de Viña Costeira funcionarán como acompañamento sensorial a cada concerto, nunha maridaxe que potenciará a experiencia musical. O festival, que converterá Cenlle nun epicentro da música independente e de calidade, coincidirá previsiblemente cos últimos días da vendima na D.O. Ribeiro. Unha boa maneira de despedir o verán na que será a primeira fin de semana do outono.
O aforo do evento é limitado a 400 persoas e as primeiras entradas a prezo promocional esgotáronse nos primeiros días. Aínda se poden mercar os billetes para o Costeira Sonora, a un prezo de 30 euros, que inclúen o transporte de ida e volta dende a cidade de Ourense por 5 euros adicionais.
A organización advirte de que, debido á limitada capacidade das vías que chegan ao Pazo de Toubes, e para evitar incidentes, o acceso en coche ao recinto estará restrinxido á organización. É por isto que se habilitará un servizo gratuíto de lanzadeiras, que funcionarán durante todo o festival, cubrindo un traxecto circular entre Ribadavia, Leiro e Costeira Sonora.