'Costiña': O cinema feito na Guarda hai 90 anos

As imaxes tiradas por Costiña retratan a vida e o traballo da poboación © Proxecto Socheo

Joaquín García, máis coñecido por Costiña, foi un dos fotógrafos coñecidos na Guarda, onde viviu entre os anos 1894 e 1957. Hai uns meses as súas netas atoparon nun faiado, mentres facían unha mudanza, oito rolos de película e unha gran cantidade de fotografías, en papel e nas súas placas de cristal, que datan mesmo dos anos 20. De feito, as gravacións -realizadas entre 1926 e 1929- supoñen as filmacións da Guarda máis antigas que se conservan. O Proxecto Socheo, que dende hai anos traballa na recuperación deste tipo de arquivos audiovisuais no Baixo Miño, recibiu estes materiais, analizounos e restaurounos, conformando con eles unha exposición, Camiños da Imaxe, que se inaugura este venres na Casa dos Alonsos da vila.

Na mostra, que se acompañará dunha proxección nocturna dos filmes na Praza do Reló, pódese atopar unha escolma das fotografías tiradas por Costiña a veciños da Guarda e da súa contorna, ademais de obxectos persoais do fotógrafo. Tamén se poderán ver as películas, dun enorme valor etnográfico, pois recollen dende escenas familiares, ata romarías e festas populares, pasando pola vida das aldeas ata a protagonista actividade mariñeira na localidade.

"Ao facer unha mudanza apareceron 8 rolos, 4 filmados polo propio Costiña e outros catro distribuídos por Pathé: noticiarios, filmes cómicos de Harold Lloyd e Charles Chaplin, e filmes relixiosos", explica Xurxo González, de Proxecto Socheo. "Son as filmacións máis antigas que se conservan da Guarda. Non de Galicia, por suposto, xa que temos A botadura do acoirazado Alfonso XIII (1913) e algúns filmes de José Gil. Da Guarda tiñamos imaxes tiradas en 1929 para a película Un viaje por Galicia, realizada por Luis R. Alonso nun encargo da Deputación de Pontevedra co gallo da Exposición Iberoamericana de Sevilla. Alí pódese ver o monte de Santa Trega. Pero as gravacións de Costiña son anteriores, filmadas entre 1926 e 1929".

González destaca que "as filmacións máis espectaculares son as mariñeiras", pero detalla que "hai catro grandes bloques temáticos: as imaxes familiares, nas que se ve como era a casa, os animais que vivían ao carón, as leiras, como recollían patacas...; hai un segundo bloque da aldea, na que se ve a aldea do Castro, de onde era a esposa de Costiña; un terceiro bloque é o do pobo, no que se recollen as festas e romarías; e un cuarto bloque, mariñeiro, na que se ve o barrio da Mariña, os pescadores de cana, recollendo argazo, embarcacións tradicionais, motoras, imaxes do Berbés de Vigo...". 

"Son imaxes cun forte carácter etnográfico, unha consideración que fai destas imaxes uns documentos patrimoniais de grande magnitude", sinala González. Beli Martínez, produtora da exposición, sinala que a mostra permitirá "viaxarmos no tempo pola historia da Guarda. Será unha porta a través da que poderá escoitarse a chamada dos nosos antepasados. A maioría das facianas das fotografías non sabemos a quen pertencen, polo que convidamos a todos os guardeses a que entren no proceso que propomos e nos axuden a identificalas”.

O responsable de Socheo destaca tamén que "as fotografías foron outro grande achádego". Son preto de 500 placas de cristal ademais dalgunhas en papel, que son "o outro gran tesouro que se vai ver na exposición". "Evidentemente, non puidemos imprimir todas, fixemos unha pequena escolma dunhas 50. Pero o resto van poder verse tamén, a través dun ordenador. E de seguro que moita xente pode identificar nelas algún familiar", sinala. A exposición poderá verse ata o vindeiro 15 de agosto. Porén, as actividades ao redor de Costiña chegarán ata novembro, cando se presentará un libro colectivo dedicado a súa vida e a súa obra no que interveñen especialistas do mundo da fotografía e do cinema como Manuel Sendón, Luis Parés ou Fernando Redondo.

Xurxo González conclúe cun consello: "Que a xente extreme a precaución antes de tirar as cousas que ten gardadas nalgún faiado, porque as veces pode haber algún tesouro agochado, que se poña en contacto con xente que saiba, para poder recuperar estes filmes e fotografías".

 

O Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo, que botou a andar en 2012, é unha iniciativa que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo cara ao mundo. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en youtube que superou as 100.000 visitas e no portal www.proxectosocheo.com. Pódense visionar máis de 350 películas desde finais da década dos anos 20 ata a actualidade. 

Da man do IES A Sangriña, acadou o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no ano 2014. E mereceu a atención e sesións especiais en Cineuropa, no CGAI, na exposición Plan de Rescate na Coruña, no proxecto Grand Treasures en Estonia, en Memoria Acústica Europea, no Memorybytes de Barcelona ou no II Encontro para a creación común de cinema domésticoOs seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardada algunha gravación na súa casa. "Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor", destacan, ao tempo que lembran que "as imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e edítanse adecuadamente sen ningún custe para o particular".

 

Captura dun dos filmes de Costiña © Proxecto Socheo
Captura doutro dos filmes de Costiña © Proxecto Socheo
Cartel da exposición © Proxecto Socheo
As imaxes tiradas por Costiña retratan a vida e o traballo da poboación © Proxecto Socheo
Outra das imaxes de Costiña © Proxecto Socheo
Outra das imaxes de Costiña © Proxecto Socheo
Ignacio Benedeti cedeu unha Pathé de 9.5 mm de 1928 para a exposición © Ignacio Benedeti

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.