O vindeiro 8 de marzo inaugúrase en Cangas a exposición Creamos(Nós); mulleres artistas en 1ª persoa, comisariada por Paula Cabaleiro, e que reúne 25 artistas de toda Galicia. O obxectivo é "fuxir de victimismos" e presentar as obras de creadoras da Galicia actual, "unha xeración de tecedoras da cultura que de algunha maneira reivindican a posición da muller na arte contemporánea, descubrindo con iso novos paradigmas de creación". O propio título fai unha chiscadela ao binomio crer/crear, enfatizando o papel fundamental que respecto á arte das últimas décadas tivo tanto o pensamento feminista, como a achega de numerosas mulleres artistas.
No Auditorio de Cangas de Morrazo poderanse ver as obras de Marta Prieto, Montse Rego, Sheila Pazos, Paulova, Loreto Blanco, Pilar Monroy, Laura Piñeiro, Carolina Cruz Guimarey, Neves Seara, Tania Pérez, Basilisa Fiestras, Gema López, Soraya Redondo, Aynara Pereiro, Carmen Llonín, Mercedes Outeiral, Rosa Neutro, Reme Remedios, Beatriz S.Saá, Sara del Valle, Mª Xosé Fernádez, Paz Vicente, Noa Persán e Araceli Paz.
O obxectivo é propiciar "un diálogo multixeracional, heteroxéneo en canto a formación, orixe xeográfica, temáticas e disciplinas". Baixo a premisa de esnaquizar os estereotipos para presentar "unha visión fresca, dinámica e movilizadora da vinculación do xénero ó mundo da arte, co respeto que merece, pero ó mesmo tempo coa reflexión crítica e diverxente como principio". A exposición quere tamén poñer en evidencia algúns dos principais asuntos cuestionados nas últimas décadas por artistas femininas (identidade, sexualidade, maternidade, familia, xénero, memoria, vida cotiá, espazo privado e público... ).
A inauguración da mostra terá lugar ás oito da tarde e contará coa actuación da violinista Iria Pérez.