"Creouse o estereotipo de que a música de denuncia social ten que ser dun xénero determinado, pero non é así"

Fermin Muguruza © Reperkusión

Kortatu, Negu Gorriak, Dut, Fermin Muguruza Dub Manifest... A través de Muguruza pódese seguir a historia da música vasca dos últimos 30 anos. Porén dende hai un tempo centrou parte do seu traballo no mundo do audiovisual e non é tan habitual velo enriba do escenario. Este venres en Ourense hai unha magnífica oportunidade, na primeira xornada do Reperkusión’13, no que o sábado o protagonismo será para Manu Chao. A organización espera repetir o éxito da pasada edición, na que máis de 21.000 persoas pasaron por Bemposta.

O primeiro día de festa comezará ás seis da tarde, con humor para pequenos e para grandes, circo e moita música. Ademais de Muguruza, tamén actuan no escenario principal Shazalakazoo, dúo serbio de folk-step, música balcánica, urbana e bastarda; os aragoneses Artistas del Gremio e os galegos Skarallaos, elixidos por votación popular. A noite terminará coa sesión dj con percusión dos vascos Supertumbaduo.

Ademais de Muguruza, tamén actuan no escenario principal Shazalakazoo, os aragoneses Artistas del Gremio e os galegos Skarallaos, elixidos por votación popular

Muguruza responde con amabilidade nas entrevistas, mesmo a aquelas preguntas que a bo seguro lle fixeron un milleiro de veces ao longo da súa carreira. Vén de falar con medios de toda Latinoamérica, onde continuará con esta xira que esta semana o trae a Galicia e que nas vindeiras semanas o levará mesmo a Australia. Algunha das entrevistas que concedeu ao longo do día non trataron en absoluto sobre música, senón sobre audiovisual, un campo no que o vasco traballa tanto ou máis, aínda que ás veces en proxectos que aúnan as dúas artes. É o caso de Zuloak, un falso documental sobre unha banda de Riot Girrrl, a través do que nos ofrece a súa visión do mundo da música e da súa evolución nos últimos anos.

En Zuloak querías falar do movemento Riot Girrrl en concreto ou o máis importante era tratar en xeral o mundo da música pero dende unha perspectiva feminina?

Son as dúas cousas. Eu quería falar do mundo da música pero sobre todo quería facelo a través da ollada da muller e reivindicar o seu papel e esa cousas que parecía que xa nos noventa ía ocorrer por fin: que elas tomasen os escenarios. E esperamos que ocorra dunha vez por todas.

"A verdade é que unha das razóns de que veña ao Reperkusión é que Manu Chao me insistiu moito e faloume moi ben do festival"

Ultimamente non dás tantos concertos. Como acabaches en Ourense? Custoulles moito convencerte?

A verdade é que unha das razóns de que veña ao Reperkusión é que Manu Chao me insistiu moito e faloume moi ben do festival. A outra é que hai uns meses vin ao Festival de Cinema de Ourense para presentar a miña película Zuloak e estiven aquí coas rapazas da peli, demos un concerto... Os organizadores achegáronse e a verdade é que me caeron moi ben e convencéronme coa filosofía do festival e o lugar no que se facía.

"Espero neste festival poñerme ao dia e coñecer estas nova fornada de bandas, que xa me dixeron que había moitas bandas novas cantando en galego"

En calquera caso a relación musical entre Galicia e Euskadi vén de lonxe e en certas épocas foi moi estreita...

Todo iso veu por fornadas, por xeracións e mesmo por décadas. O contacto na década dos oitenta foi moi importante, e había unha relación moi forte entre Kortatu, Os Resentidos e Siniestro Total. Nos 90, Nación Reixa gravou con músicos de Negu Gorriak. E nós seguimos tendo moito contacto con bandas coma Os Diplomáticos. E eu persoalmente, que agora estou máis afastado da música, sigo moi en contacto con Galicia a través de Filmanova. Pero espero neste festival poñerme ao dia e coñecer estas nova fornada de bandas, que xa me dixeron que había moitas bandas novas cantando en galego. Para iso serven as xiras: para coñecer nova música e nova xente. Que os que coñeces de toda a vida che presenten outras persoas e te informen dese empuxe que cada certo tempo se dá en cada pais. Eu comecei a vir a Galicia en 1985 e despois seguín vindo case cada ano. E a última vez en 2007 demos un concerto memorable en Santiago de Compostela

"Moita xente decatouse dalgunhas cousas e moitos dos que nos poñían unha etiqueta de comprometidos ou independentes nos tiveron que dar a razón"

A crise fixo que algo mudase no mundo da música? Hai máis contacto coa realidade social?

Creo que si. Moita xente decatouse dalgunhas cousas e moitos dos que nos poñían unha etiqueta de comprometidos ou independentes nos tiveron que dar a razón. Eu veño da autoxestión, pero dende hai uns anos case todas as bandas teñen claro que teñen que facer todo eles mesmos. Nós somos xente humilde e nunca tivemos intención de aleccionar a ninguén, pero si que agora se demostra que tiñamos razón e que a nosa alternativa era válida e moita xente está vindo para o noso campo e aproveitando todo o traballo previo que fixemos durante anos.

Moléstache que sempre se che apuxese esa etiqueta de músico comprometidoás veces de forma pexorativa?

Si que é certo que moitas veces se usa de forma pexorativa ou para tentar desprestixiar a alguén. Cando a realidade é que todos os grupos, tamén aqueles que parece que non din nada e asumen que eles simplemente son parte da industria do espectáculo, aqueles que fan mutis polo foro, pois o que están facendo é beneficiar e apoiar o status quo. É coma no audiovisual, cando se fala de "cine social" e despois chega unha película como Argoque é un filme tremendamente ideoloxizado e que defende o traballo da CIA en todos os países, pois Argo seica é só "cine de entretemento".

"É coma no audiovisual, cando se fala de "cine social" e despois chega unha película como Argo, que é un filme tremendamente ideoloxizado e que defende o traballo da CIA en todos os países, pois Argo seica é só "cine de entretemento""

Dá a impresión de que se quere relegar a música a unha forma de entretemento simple: pouco comprometida socialmente e con pouco risco artístico...

Creo que hai bandas moi boas en todas partes. O que si me molesta é que parece que se creou o estereotipo de que a música de denuncia social ten que ser dun xénero moi determinado: ou rock ou a música mestiza. Acaba de morrer Margaret Thatcher e resulta que a música máis virulenta na súa contra á marxe do punk foi o pop que se fixo na súa época. E iso aquí nunca se deu. A última carta que lle escribiu Morrisey a Thatcher é para botarse a tremer ou cando lle cantaba o de Margaret na Guillotina. O pop en España sempre foi compracente, pero houbo tamén unha corrente que denunciou cousas de forma moi comprometida. Todo isto vai sempre en movementos cíclicos. Aquí, en Pais Vasco, hai unha plataforma de bandas impresionante que se chama BideHuts que veñen da escola do noso selo discográfico. E aí temos a Lisabo, a Anari... Houbo uns anos de impasse pero volven xurdir grupos moi interesantes.

"Acaba de morrer Margaret Thatcher e resulta que a música máis virulenta na súa contra á marxe do punk foi o pop que se fixo na súa época. E iso aquí nunca se deu"

Segues tendo problemas con esa presión que certos sectores de dereitas exerceron sobre ti en moitos momentos?

Si, o feito de ser comprometido unha vez máis volveume custar a censura por culpa da extrema-dereita que está instalada no poder en España. Conseguiron sacarme dun festival no que ía participar en Madrid e tentaron facelo tamén cun concerto que ía dar en Valencia. E que finalmente puiden facer afortunadamente.

"O feito de ser comprometido unha vez máis volveume custar a censura por culpa da extrema-dereita que está instalada no poder en España"

Non mudou nada neste senso coa fin de ETA?

Pensaba que si, que todo isto estaba superado, sobre todo grazas ao novo ambiente político que hai no Pais Vasco e despois de que ETA decidise deixar as armas. E despois tamén de que S.A fose a xuízo por ter sidos vetados e gañase o xuízo. E resulta que non, que hai xente que segue cunha obsesión con  certo tipo de cultura.

Como está a situación en Euskadi? Mantense a ilusión xerada pola fin da violencia?

Todo flutúa. Nun primeiro momento o feito de que se puidese formar unha coalición da esquerda independentista, atraendo outros sectores dos movementos sociais, unha escisión do PNV e unha escisión de IU, todo iso xerou moitas ilusións. E permitiu que o 25% da poboación que antes non tiña representación a tivese. E agora hai un momento, non digo de frustración, pero si de incerteza. Porque hai un proceso de paz que debe avanzar e no que o Goberno español debe facer xestos.

Reperkusión creou unha "cidade" dentro dunha cidade © Brais Seara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.