Xa está aquí Criaturas. Foi unha das novidades máis comentadas no Culturgal e a demanda e interese xerado pola revista nos últimos días desbordou as expectativas dos seus promotores e promotoras. Ou cando menos do seu servidor web, que estivo caído durante horas ante o gran número de lectores e lectoras que querían botarlle un ollo e descargar o número cero. Criaturas é revista dixital especializada na literatura infantil e xuvenil, coordinada por Ledicia Costas e Daniel Landesa, que repasa non as novidades editoriais, senón que tamén se detén en autores, autoras, temas e tendencias, buscando ser un punto de encontro para o sector, e un medio de referencia, un espazo para o debate e a reflexión para un ámbito moi destacado das letras galegas e da produción cultural do país.
No seu consello de redacción atopamos nomes tan destacados como Fran Alonso, Burghard Baltrusch, Carlos Nogueira, Nuria Díaz, Agustín Fernández Paz, María Jesús Fernández, Mar García Pérez, María Lado, Montse Pena Presas, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas Zás, Laura Sáez, Gracia Sanctórum e Miguel Vázquez Freire.
No número cero da publicación ofrécense entrevistas coa editora Helena Pérez, e o ilustrador e escritor Jacobo Fernández Serrano, espazos de crítica, outro dedicado ás librarías e un apartado monográfico, centrado nos monstros de Maurice Sendak e outras criaturas, con traballos de Gracia Santórum, Montse Pena ou María Jesús Fernández. e un editorial que presenta a iniciativa afirmando que "queremos que esta criatura inicie un vieiro que terme dos pasos das persoas que a escriben, a ilustran, as que a difunden, as que a estudan e, de xeito especial, as que a len e só esperan atopar en cada páxina unha emoción inesquecíbel. O único contrato pechado é o compromiso coa LIX en xeral e a galega en particular". A seguinte entrega chegará na primavera. Falamos con Daniel Landesa.
Semella, simplemente á vista dos problemas que tivestes na vosa web, que hai fame por unha revista como esta. Como valorades o recibimento que tivestes?
Non sabemos se fame, o certo é que cremos que Criaturas responde a un baleiro que nós notabamos. Non queremos erixirnos en nada, hai portais que realizan un labor impresionante en canto a divulgación da nosa literatura dende hai bastante tempo. Malia todo, non atopabamos ningunha publicación que se dedicase en exclusiva ao ámbito da literatura infantil e xuvenil. Escollemos o formato web para Criaturas e polo de agora esa vai ser a canle na que debemos crecer. É certo que nós fomos quen primeiro se sorprendeu ao ver a acollida da páxina, tan boa que nos fixo caer da rede en tan só dous días e medio (polo de agora está felizmente solucionado). Esta resposta de visitantes a nosa chamada de presentación do número cero encheunos de felicidade, para que negalo, mais debemos ir con pés de la. Presentámola no Culturgal, que é un lugar idóneo para que un proxecto pequeno pero ambicioso coma este teña a máxima difusión. Somos conscientes de que, por desgraza, non hai unha feira destas condicións todos os meses. Se vale unha analoxía, lanzamos un foguete ao aire e veu todo o mundo á festa, agora temos que conseguir que volvan e ademais a gocen.
Barallades algún cambio de soporte ou de periodicidade?
En canto a soportes, é certo que hai outras opcións, pero polo de agora son completamente inviables. O futuro dirá. A periodicidade no noso caso hai que relativizala. Por un lado a web vai funcionar como tal e procuraremos ila fornecendo deseguido con contidos relacionados coa literatura infantil xuvenil do modo máis constante posible. Por outra banda, o que presentamos no Culturgal foi o noso número cero, que se vai perfilar como un monográfico temático, tratando de achegarnos á lix dende diferentes visións arredor dun mesmo eixo. Estes monográficos serán de libre descarga e agardamos poder conseguir unha periodicidade cuadrimestral para o 2015.
"A criatura nace cun número cero, mais ten que ir crecendo, botando plumas e patiñas, abrindo os ollos, enrabechándose ás veces, acertando outras, mais sobre todo aprendendo a camiñar"
Criaturas responde a unha necesidade de destaque do bo traballo que en Galicia se fai no ámbito da LIX e de reflexión e debate neste campo?
Criaturas quere reunir. Esa foi a nosa intención nun primeiro momento, dar un lugar a toda canta experiencia hai neste país arredor da literatura infantil e xuvenil, que non é pouca. Non sabemos se imos lograr responder a esas necesidades que son evidentes (na lix e en calquera outro campo, claro), pero imos poñer todo o empeño en aprender a equivocarnos. É algo que tamén tivemos claro dende o primeiro momento: a criatura nace cun número cero, mais ten que ir crecendo, botando plumas e patiñas, abrindo os ollos, enrabechándose ás veces, acertando outras, mais sobre todo aprendendo a camiñar.
"Non é unha revista infantil. Contámolo porque xa houbo quen nos preguntou. Mais tampouco é unha revista académica. Trátase dunha publicación de divulgación"
A quen se dirixe Criaturas?
Non é unha revista infantil. Contámolo porque xa houbo quen nos preguntou. Mais tampouco é unha revista académica. Trátase dunha publicación de divulgación. Cremos que pode ser unha ferramenta de moita utilidade para persoas que traballan con actividades de promoción da lectura, profesorado, persoal de bibliotecas, nais e pais interesadas en achegarlles novas lecturas ás pequenas e aos pequenos. Nacemos, ou quixemos nacer, como proxecto aberto coa intención ser un lugar onde non só dar visibilidade a autoras e autores, senón tamén todo o bo traballo que se está a facer no mundo da edición, da tradución, da ilustración, etc.
Que contidos traerá o vindeiro número de Criaturas. Pódese adiantar algo? Como é o proceso de elaboración de cada número?
Como comentabamos, por unha banda a web vai ir alimentándose de contidos do modo máis constante e regular posible. Outra cousa son os números pechados, como dixemos, temáticos. Estamos traballando xa no seguinte número, que debería saír para o mes de marzo. Polo de agora estamos en pleno proceso de decisión dos contidos polo que non podemos adiantar nada. En canto ao proceso de elaboración, é moi horizontal. O Consello Editorial reúnese a diario na rede e, de cando en cando, intentamos vernos para temas importantes. Temos un foro interno no que imos discutindo contidos e repartindo tarefas. E a día de hoxe a resposta de todas as persoas que colaboraron dun modo ou outro connosco é realmente marabillosa. Así é todo sempre moito máis fácil.
"A literatura infantil xuvenil do noso país ten unha enorme calidade, ten consumidoras e consumidores. Ademais hai diferentes iniciativas ao longo do país que fan da lectura un valor engadido"
Podemos dicir que a LIX en Galicia goza de boa saúde?
A saúde actual de calquera cousa que teña que ver coa cultura, e coa nosa cultura en particular, ten que partir dunha análise moi intensa. Quizais dende as editoras poderían dar mellor resposta ca nós a esta cuestión. Podemos falar de sensacións; a literatura infantil xuvenil do noso país ten unha enorme calidade, ten consumidoras e consumidores. Ademais hai diferentes iniciativas ao longo do país que fan da lectura un valor engadido, dicímolo pensando no labor enorme que se fai dende moitas bibliotecas e centros de ensino. Falar de boa saúde danos certo respecto, quizais deberíamos dicir que temos síntomas de saúde, pero con diagnóstico reservado.
"A nosa cultura sen falantes do idioma propio pasa a ser unha anécdota, un souvenir exposto no escaparate dunha tenda que ninguén visita. Ten solución? Por suposto, co esforzo de todas e todos"
Paradoxalmente isto prodúcese un contexto de perda de falantes, sobre todo entre os máis novos e novas. Ten solución esta tendencia tan negativa?
Engadiriamoslle o adxectivo dramático a esa perda de falantes. A nosa cultura sen falantes do idioma propio pasa a ser unha anécdota, un souvenir exposto no escaparate dunha tenda que ninguén visita. Ten solución? Por suposto, co esforzo de todas e todos, o noso idioma é un ben tan, tan importante que non pode quedar ningún esforzo sen facer para reverter esta tendencia tan perigosa. Por suposto, os poderes públicos deberan ser os primeiros en protexelos, mais se estes non responden dun modo efectivo temos que ser a cidadanía quen protexa un dos seus bens máis prezados.