Esta fin de semana pechouse unha nova edición, a vixésimo quinta, das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, a festa do cómic. Antes do seu remate as Xornadas entregaron os seus galardóns, os Benito Losada, unha homenaxe ao que durante moitos anos foi o principal motor deste evento e de moitos outros proxectos dende a Casa da Xuventude de Ourense.
Xulia Vicente Jiménez foi a gañadora da categoría de entre 17 e 35 anos, na que Uxía Larrosa Villanueva obtivo o segundo premio e e Giovanna Lopalco e José Nuno Fraga, na de menores de 35 anos, recibiron mencións especiais. Na categoría de menores de 17 anos o gañador foi Cristian Fojón, que xa obtivo a vitoria o pasado ano, e Breixo Mosquera Freire levou unha mención especial. Tamén se entregou o Premio Ourense de BD 2013, destinado a recoñecer iniciativas e proxectos ao redor da danda deseñada. Oink!, a revista do Xabarían Club, foi a escollida nesta ocasión.
O acto de entrega tivo lugar na libraría Sindicato del Cómic, un emblemático etablecemento especializado situado no centro da cidade. Na cerimonia participou a viúva de Benito Losada.
Ao longo do mes de outubro puidéronse ver exposicións dos premios Benito Losada, da historia do Fanzine das Xornadas e do proxecto Historias de Galiza, nunha edición especial, a número 25, sobre a que Xavier Paz, en representación da Fundación Benito Losada, destacou que "no contexto da cultura galega é algo que poucas veces se ten conseguido, co recoñecemento que debe ter a cidade de Ourense neste contexto".