Crónica do chan, o máis recente poemario do escritor de Bamiro Alberto Lema, é calquera cousa menos inocente. Hai nas súas dúas ducias de composicións algunhas que son un dardo envelenado con destinatario ben deducible para quen coñeza as claves de decodificación da mensaxe.
'Crónica do chan' é tamén un urro a prol das clases explotadas, do pobo que vive a rentes do chan
Agora ben, no libro hai outros asuntos e enfoques, pois alén da vivencia profesional e cultural que asoma aquí e acolá con forza, Crónica do chan é tamén en moitos tramos un urro a prol das clases explotadas, do pobo que vive a rentes do chan, alleo ás alturas infectas das elites adiñeiradas e asoballadoras.
Esta lírica —tan familiar respecto da dun Daniel Salgado, un Calros Solla, unha María do Cebreiro, unha Oriana Méndez ou un Mario Regueira, entre outros— acompasa coas fías do memorístico noutros poemas e xoga cos grandes mitos e referentes culturais de Occidente para deitar a carón da súa simbólica sombra, como acontece coas citas a Antígona, o Golem, Robespierre, Lázaro ou Miss Deckard que, na súa diversidade de orixes e tradicións, dá boa idea da pluralidade de fontes das que bebe esta escrita de Lema.
O libro avanza alternando as composicións breves cos textos máis narrativos. Hai nel un dicir ao que lle presta tanto o definitorio coma o enunciativo, que recorre ás antíteses e ao campo sémico do agrario para hibridalo co urbano e o tecnolóxico, mestizaxe de selo propio.
Existe, tamén, non pouco de deconstrución da tradición e dos mitemas herdados
Existe, tamén, non pouco de deconstrución da tradición e dos mitemas herdados, de reflexión sobre a deriva social do noso tempo, repensando a dirección do camiñar, desconfiando das verdades precedentes.
A obra ábrese cun xenuíno limiar dun outro poeta de compromiso certo, Xabier Cordal, quen achega a súa perspectiva para estes versos escritos por “a man que asina a pintada sobre o frío”, a mesma que apunta e dispara aos grupos de presión e lobbies intelectuais que esganan a cultura do país ata defuntala.
Soerguéndose do ludrio no que algúns queren enterrarnos, proxectando a voz nesta súa Crónica do chan, a ollada penetrante de Alberto Lema desembarca na independente illa de Corsárias Creación para anunciar que: “Na Montaña, en secreto, pechas as portas e os móbiles. Estamos reunindo probas”. Aviso para navegantes.