"Cuarta feira é o mércores e o xoves é quinta feira... ou era"

Treito dun calendario co sistema de feiras CC-BY-SA Praza Pública

"Cuarta feira é o mércores e o xoves é a quinta feira... ou era". Unha muller de avanzada idade reflexiona deste xeito en conversa con membros da comisión de defensa da lingua da Gentalha do Pichel, a asociación cultural compostelá que vén de editar Quarta-feira logo vem, un filme documental cun obxectivo esencial: demostrar que as "formas tradicionais dos días da semana, construídas coa palabra 'feira" non son unha importación chegada a Galicia do outro lado da raia portuguesa ou, simplemente un invento. Ben ao contrario, eran de uso común no país ata ao século pasado e "continúan vivas do norte ao sur da Galiza, aínda que só entre as persoas máis vellas das nosas comarcas".

"Só nos últimos anos foron introducidas a través do ensino e da televisión unhas novas denominacións, semellantes ás do castelán"

Nos seus encontros cos maiores de diversos puntos da xeografía galega os membros da Gentalha comprobaron que mesmo a copla que dá título ao filme é ben recoñecida polas persoas entrevistas, mesmo por "moitas que xa deixaron de usar esta fórmulas no día a día". Así, por exemplo, na Baixa Limia este colectivo cultural puido recoller "testemuños do uso vivo da sexta-feira" e, case na banda oposta do mapa, comprobaron que "as persoas máis vellas aínda teñen memoria do uso da cuarta feira", á que algunhas delas se refiren como "carta". Do mesmo xeito, en "moitas aldeas da área de Compostela" acreditaron a pervivencia ou, cando menos, a lembranza da "cuarta, quinta e sexta feira". "O obxectivo do filme é mostrar como nestas comarcas as persoas pasaron de quinta feira a jueves", explican os autores do documental. "Só nos últimos anos -abondan- foron introducidas a través do ensino e da televisión unhas novas denominacións, semellantes ás do castelán e pouco abonadas no galego tradicional", isto é, o calendario formado por "luns, martes, mércores, xoves, venres...".

As causas da perda de uso das formas tradicionais para nomear os días fican reflectidas nas verbas dos e das protagonistas do documental. "Os mestres non nos deixaban repetir o que dicían os avós", explica un dos entrevistados, que reproduce as advertencias dun dos seus docentes: "iso non vale para nada". "Cando fomos á escola fomos aprendendo a non dicir esas cousas", engade unha das veciñas consultadas. Como consecuencia inmediata "non llelas ensinamos aos nosos fillos". A esas circunstancias, detallan, engádense outras como que "os que foron para Madrid, Castela e por aí" volveron falando "máis castelán". "O que fala algo fino, ao mellor di jueves", ironiza unha anciá. En calquera caso, conclúe un residente no entorno de Compostela, "se vas a Portugal e falas o galego, enténdente perfectamente".

Treito dun calendario co sistema de feiras CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.