Culturgal: Espazo para a creatividade

Off Culturgal 2011 Dominio Público Praza Pública

Da man da revista galega de tendencias Disquecool chega por segundo ano consecutivo o Off Culturgal, un encontro informal e dinámico no que persoas creativas de distintos ámbitos poderán compartir ideas e proxectos a primeira fin de semana de decembro. A cita é o sábado 1 a partir das 17h no Garaxe de Culturgal.

Diquecool e Culturgal buscar darlle unha oportunidade de difusión a novos creadores, novas ideas e propostas do ámbito galego. Pero aínda que o proxecto é a base, a capacidade de transmitilo e a adaptación ao formato establecido é fundamental. Son nove proxectos e nove minutos para coñecer cada un deles (6 minutos de intervención + 3 minutos para preguntas do público), cada presentación terá que construírse con 18 diapositivas, de 20 segundos cada unha, que irán pasando automaticamente mentres as persoas falan... Un formato dinámico e innovador para nove propostas 99% creativas. Os proxectos seleccionados polo equipo de Disquecool foron os seguintes nove:

Aínda que o proxecto é a base, a capacidade de transmitilo e a adaptación ao formato establecido é fundamental. Son nove proxectos e nove minutos para coñecer cada un deles

Plataforma Proxecto Cárcere (participación cidadá)

Microprojets Pot-age (R) + LAB (paisaxismo e botánica)

Francisco Porto Varela. Lab Rural (arte, tecnoloxía e innovación no medio rural)

María Baqueiro. Marujita Alegre (moda)

Música no Claustro. Festival de música como arte interdisciplinar e social (música)

VideodinamizARTE. Un proxecto psicolóxico-audiovisual (audiovisual)

Creatividade á rúa! Uso artístico-multidisciplinar dos espazos comúns como algo propio onde desenvolverse…e empoderarse (arte urbana)

Mapa Emocional. Un documental interactivo para descubrir o territorio tirando do fío (novos medios)

Mimadriña. Cousas xeitosas en papel (artesanía)

 

Música no Culturgal

Cómpre salientar sobre todo a actuación da Banda Fura Fura, composta polo mellor do rock e hip hop galego, creada para Terra da Fraternidade, a homenaxe galega a Zeca Afonso

Off Culturgal é unha das 140 actividades que ofrece a Feira das Industrias Culturais do 30 de novembro ao 2 de decembro. O Culturgal traerá teatro, danza, audiovisual, presentación de libros, conversas con autores, obradoiros, e música. Moita música. Dende Linho do Cuco a aCadaCanto, o último proxecto de Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero. De Os da Ria a Uxia, pasando por Silvia Penide ou Mamacabra.

Cómpre salientar sobre todo a actuación da Banda Fura Fura, composta polo mellor do rock e hip hop galego, creada para Terra da Fraternidade, a homenaxe galega a Zeca Afonso. Presentan o seu primeiro disco, no que destacan os temas de denuncia social, pero ao seu propio estilo, rockanroleando temas do artista portugués. Nela participan Os Trés Trébóns nos ventos, Fran Amil (Ultraquans) na batería, Antón Papaqueixos no baixo e Brais (Sacha na Horta) na guitarra. E as voces de Xurxo Souto, Ico (Lamatumbá), Adrián Beiroa (Guezos) María Xose Silvar-Sés Bocixa (Zenzar) Leo e Arremecaghona ou García (DKTK). Ao concerto seguiralle a picada de música galega de María Yañez e Iago Martínez.

 

Off Culturgal 2011 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.