Seguindo o ronsel do Reciclaxe Churruca vigués ou do Vendesevende ferrolán, este venres celébrase en Compostela un mercado de segunda man para mercar e vender "libros, banda deseñada, discos, roupa e outras trangalladas gastroculturais a moi bo prezo".
Será no café Bolengo Pop do ensanche compostelán (rúa Ramón Cabanillas, 17) entre as 6 e as 10 da tarde. Aínda está aberto o prazo para solicitar un lugar no que vender obxectos e haberá un posto de troco e un posto freelance ao servizo dos visitantes que teñan pouco que vender e non queiran responsabilizarse dun stand.
O Cutregal - Cultura de segunda man conta cun blog e unha páxina de Facebook e preséntase afirmando que "a cultura si ocupa lugar, por iso queremos desfacernos das nosas posesións menos prezadas, confiando en que haxa alguén que as aprecie e lles dea o lugar que merecen nalgún andel da nosa Galicia".