Da charanga ao sadobaile

Os Festicultores © Praza Pública

Festicultores presentan o seu primeiro disco, Os sadomusiquistas, unha festa dolorosamente pracenteira, despois de sete anos actuando polas festas de Galicia e tamén en Serbia, Polonia, Francia ou Portugal, "revolucionando o mundo das charangas"

Todo comezou na festa do Corpus de Ourense, unha noite de 2005. Despois de que durante meses Emilio Oro percorrese o país como a Kabra Macabra, decide formar un pequeno exército, composto por Yuri Brinkas (cantante), Antonio Feijóo Soto (guitarra), Martín el Labio (trompeta), Alex Díaz (saxo), Gustavo Agasi (caixa), Xurxo Troncoso (bombo), Manuel Lousas (violín), Emilio Oro (teclado) e Miguel Rumbao (baixo). Esa foi a primeira formación dos Festicultores, que dende aquela noite de 2005 percorreu Galicia de norte a sur, revolucionando o mundo da charanga con espectáculos como Rumaníacos, As Kabras Chouteiras ou E.G.F.A. (Exército Gherrilleiro das Festas Armadas).

Produto da boa sona que ían gañando chegaron a acompañar a Manu Chao e Radiobemba na fin de xira europea en Baiona (Francia) e percorreron países coma Serbia, Polonia, Francia ou Portugal, compartindo cartaz con grupos coma Gogol Bordello, Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra ou Fanfare Ciocarlia.

O ano pasado presentaron nova formación e novo espectáculo. Gustavo Agasi "O pellizcos", Anxelo de Xermar "Torturillas", Xiñor Tonichi "O Tortas", Nico "O Cachelitos", Iago "Mordisquitos", Carlos Alberto "O Traidor" e Emilio Oro "O Mamador Líder", levan meses coa xira dos Sadomusiquistas, que agora se converte en disco, o primeiro da formación en sete anos: Os sadomusiquistas, unha festa dolorosamente pracenteira. Nel, queren sintetizar o seu concepto de festa total, todo un lema para os seus incondicionais: "unha festa é total se remata en sexo oral".

E que é o sadomusiquismo? Pois é "un tsunami de endorfinas para liberar os cerebros e espallar unha revolución de doloroso pracer", din dende a banda, e engaden que o obxectivo é que "os corpos entren en erupción e rebenten as pistas con bailes a base de movementos pélvicos e convulsións", con temas novos coma "Contorsionista", "Feromonas", "Árbol caído" e "O baile musiquista" ou vellos éxitos do grupo coma "Sexo oral" e "A Kabra Makabra". O disco xa se pode atopar en tendas físicas e tamén en virtuais como iTunes e en servizos de escoita coma Spotify o Grooveshark. 

E aínda que os Festicultures se desprazaron a Las Vegas para presentar o disco, os vindeiros concertos terán lugar en San Caralampio de Melide (este domingo día 9), nas festas patronais do Barco de Valdeorras e no Festival Paraíso de Monforte de Lemos (o sábado 15).

Capa do disco © Festicultores
Os Festicultores, en Las Vegas © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.