Datan en 1786 a primeira muiñeira con notación musical, o baile que Sarmiento comparaba "cos saltos que fan os galos"

Muiñeira representada no gravado que Mariano Ovejero realizou do cadro de Dionisio Fierros de 1858 Dominio Público

Todos sabemos o que é a muiñeira, ese baile en compás de 6/8 ao son dunha música interpretada nomeadamente con gaitas en pandeiretas. A súa popularidade traspasou as fronteiras galega e, certamente, constitúe un elemento común de identificación de Galicia en todos os ámbitos. E así leva séndoo durante os últimos 250 anos. A tese de doutoramento Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX), defendida na USC por Julio Alonso Monteagudo, afonda na historia deste baile e nas súas orixes, que explora ata o século XVII e os seus precedentes.

O seu antecedente directo foi “un baile chamado gaita galega”, que non necesariamente se interpretaba con este instrumento e que ao longo dese século XVII circulaba pola Península Ibérica

O seu antecedente directo foi “un baile chamado gaita galega”, que non necesariamente se interpretaba con este instrumento e que ao longo dese século XVII circulaba pola Península Ibérica, pois neste tempo os bailes cortesáns comezaron a incorporar danzas populares coma este. Tamén se introducen en obras de teatro representadas en todo o territorio español, nas que a entrada dos personaxes identificados como galegos acompañábanse da melodía destas gaitas galegas, interpretadas con guitarras. Alonso Monteagudo explica que se trataba “frecuentemente un personaxe cómico, que cando sae á escena crea confusión”.

Baile dunha muiñeira no XXXIX día da Muiñeira de Pontevedra CC-BY-SA Estevoaei

A muiñeira foi documentada por vez primeira en 1745 por Frei Martín Sarmiento, que comparaba os movementos deste baile cos que fan as galiñas e os galos, especialmente “os saltos que fan os galos”

A gaita galega estaba presente tamén nos vilancicos que se cantaban nas igrexas (non só en Nadal), pezas nas que tamén identificaban os personaxes galegos, aínda que neste caso “o personaxe galego pasa a ser honesto e honrado, por exemplo un pastor humilde, traballador e esforzado”, explica o autor.

A gaita galega acaba por se converter na muiñeira, documentada por vez primeira en 1745 por Frei Martín Sarmiento, que comparaba os movementos deste baile cos que fan as galiñas e os galos, especialmente “os saltos que fan os galos”.

Na súa tese Julio Alonso Monteagudo documenta a primeira muiñeira que conta con notación musical, que data no Nadal de 1786, obra de Melchor López, mestre de capela da Catedral de Santiago

Na súa tese Julio Alonso Monteagudo documenta a primeira muiñeira que conta con notación musical, que data no Nadal de 1786, obra de Melchor López, mestre de capela da Catedral de Santiago. Alonso Monteagudo explica que López "actúa de mediador para incorporala á música culta". 

No século XIX a muiñeira popularízase en toda o país e acaba convertida no "paradigma e referente identitario para Galicia”, sobre todo a partir da publicación da Historia de Galicia de José Verea e Aguiar en 1838 e das obras de Murguía, como a Historia de Galicia (1865), nas que incorpora as primeiras transcricións con notación musical de música popular galega, enviadas por Marcial Valladares.

Íñigo Sánchez Fuarros, esquerda, Xosé Manuel Núñez Seixas, Fátima Braña Rey, Julio Alonso Monteagudo e Nieves Herrero Pérez na defensa da tese de Alonso Monteagudo © USC

No século XIX, no contexto da evolución política do provincialismo e do rexionalismo, a muiñeira popularízase en toda o país e acaba convertida no "paradigma e referente identitario para Galicia”

Nas súas investigacións Alonso Monteagudo destaca que a evolución política do provincialismo e do rexionalismo, como antecedentes do nacionalismo no século XIX, levou a unha busca de elementos que conformasen a identidade galega e á formación dun canon da música galega que se basea “nunha escolla, na recuperación da música tradicional, folclórica”. É nese momento cando a muiñeira é considerada como un símbolo de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.