De Alemaña tamén vén literatura

Cartaz das xornadas © Concello de Neda

Thomas Mann é o protagonista das Xornadas Literarias que todos os anos organizan o Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da UDC e que chegan á súa undécima edición. Do 24 ao 26 de abril haberá conferencias, coloquios e achegas musicais e cinematográficas coa participación tanto de expertos coma do alumnado dos centros de ensino. As edicións anteriores estiveron dedicadas a Joyce, Kafka, Cortázar, Pessoa, Proust, Virginia Wolf ou Bob Dylan.

As xornadas comezarán este mércores 24 na Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, en Ferrol, coa conferencia inaugural a cargo de Anna Rossell (profesora, escritora, tradutora): “Thomas Mann: la humanización de un mito I”. O xoves 25 as actividades trasladaranse a Neda coas intervencións do Club de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío e do Departamento de Alemán da Escola Oficial de Idiomas. Anna Rossell ofrecerá a segunda parte da súa conferencia e para rematar a xornada haberá un espectáculo de cabaret.

O venres 26 a Asociación Galega de Xermanistas a través de Silvia Aldrei e Alba Viñas impartirá un curso básico de alemán e Rosa Gómez Pato (Tradutora, profesora da Fac. de Filoloxía da USC) ofrecerá o relatorio: “De viaxe con Thomas Mann”. Para rematar as xornadas José Manuel Sande (programador do CGAI, especialista en cine e literatura) falará da relación entre Mann e o cinema: “Anxos da morte e demos: Thomas Mann e o cine” antes de proxectar o filme Morte en Venecia (1971), de Luccino Visconti..

Cartaz das xornadas © Concello de Neda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.