'De Nieuwe Wereld' e 'Ohne Dich', as favoritas do público no OUFF

Cerimonia de clausura do festival, o pasado sábado Dominio Público OUFF

O Festival de Cine Internacional de Ourense pechou a súa décimo novena edición con case dez mil espectadores e espectadoras, cunha gran presenza do cinema social e comprometido e das producións galegas, encabezada por A Esmorga, estreada na cerimonia de apertura do OUFF, hai dez días. A película holandesa De Nieuwe Wereld (Gran Premio Calpurnia á mellor película e Premio Carlos Velo á mellor dirección) e a alemá Ohne Dich (premio ao mellor guión) encabezaron o palmarés e foron ademais as máis votadas pola audiencia. Ohne Dich recibiu 4,35 puntos sobre 5, recibindo o premio do público, e De Nieuwe Wereld acadou 4,23 puntos. A história da eternidade (4,05) foi a terceira mellor valorada.

O palmarés desta edición completouse co premio á mellor interpretación, que foi para Nabil Asli por La Preuve. De igual xeito, Simindis Kundzuli, de George Ovashvili, recibiu o premio especial do xurado. O xurado (formado por Toni D’Angela, Carlos Iglesias, Isabel Blanco, Xavier Villaverde, Teresa Fernández-Valdés e Moncho Lemos) entregou ademais tres mencións especiais ao elenco de intérpretes de De nieuwe wereld, polo alto nivel do grupo interpretativo; á actriz Katja Riemann, de Ohne dich, pola súa excelente interpretación; e ao director de fotografía de Beto Martins, de A história da eternidade, pola calidade do seu traballo.

Ana Garrido -concelleira de Cultura e Educación de Ourense-, Agustín Fernández -alcalde de Ourense-, Nora Sola -directora do 19OUFF- e César Silva -coordinador de programación do 19OUFF- presentaron esta mañá en rolda de prensa o balance do festival, destacando que durante nove días "dinamizouse culturalmente a cidade", nun evento que "serviu un ano máis como escaparate do cinema en Galicia", coas estreas de Schimbare, Linko ou Mil sorrisos & un perdón, ademais do xa referido de A Esmorga.

O número total de asistentes á décimo novena edición do Festival de Cine Internacional de Ourense foi de 9.771 persoas

O número total de asistentes á décimo novena edición do Festival de Cine Internacional de Ourense foi de 9.771 persoas, que participaron tanto nas proxeccións como nas actividades paralelas. De Nieuwe Wereld foi o filme máis visto cun total de 424 persoas, seguida por Ohne Dich con 355 e Toastmaster con 263. A programación do 19OUFF completouse con varias actividades paralelas e de ocio: os concertos de El Tragaluz, o roteiro de A esmorga, a exposición de Mayte Diz ou as Sesións Lixeiras, que sumaron un total de 1.845 asistentes.

Cerimonia de clausura do festival, o pasado sábado Dominio Público OUFF
Carlos Bardem recolle o Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado © OUFF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.