"Debería haber un apoio social importante para coidar esta nosa cultura que está un pouco en terra de ninguén"

Concerto de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc Dominio Público Praza Pública

Ramiro Torres entrevista para Palavra Comum a Pablo Díaz e Olga Kirk, que levan meses presentando por toda Galicia Toc Toc, un dos espectáculos musicais con máis éxito entre o público infantil.

Palavra Comum: Que é para vós a música?

Olga Kirk: Para min a música resultou ser primeiramente, cando era pequena, a miña vía de escape, algo que me proporcionaba moita satisfacción, e que na miña madurez, resultou ser un modo de vida xunto co ensino da música e o baile tradicional.

Pablo Díaz: No meu caso, tamén dende moi pequeno foi un divertimento ou xogo, converténdose de maior na miña profesión, pero tamén segue sendo o meu disfrute.

Palavra Comum: Influi no trabalho musical o vosso contacto pedagógico com as crianças?

Olga Kirk: Obviamente o xeito de interpretar, o que nós escoitamos e o que transmitimos, etc., non se pode desligar do noso xeito de entender a vida.

Pablo Díaz: Foi co tempo e pola falta de traballos editoriais e discográficos como decidimos implicarnos na música infantil do país.

Palavra Comum: Como entendeis o processo de criação artística?

Pablo Díaz: Dende diversas prespectivas e campos, eu disfruto moito coa creación musical e creo que teño facilidade nesa faceta, mais é pola importancia e transcendencia da parte escrita onde teño que aplicar máis tempo e recursos.

"Estaría ben que chegasen ata nós, moitos dos traballos producidos no Brasil, tanto pola súa diversidade como pola súa calidade"

Palavra Comum: Qual é o valor da tradição musical galega para vós, e que influência tem na vossa música? Que outras músicas ou espaços culturais (Lusofonia, etc.) achais relevantes?

Olga Kirk: Chegamos á música en xeral da man da música tradicional. No meu caso desde que eu tiña 4 anos aproximadamente, xa que na miña casa gostabamos moito desta música. Aos 11 anos empecei a tocar a pandeireta, e logo xa non houbo retorno, porque cada vez fun profundizando máis no estudo e no cariño pola nosa música. Aos 17 anos fundei xunto con Pablo e outros compañeiros o “Colectivo de recolleita e música tradicional Ruote”, co que percorremos máis de 200 concellos galegos. Ademais do inxente labor recopilatorio, o coñecemento profundo do noso fíxonos establecer un contacto fondo, íntimo e perdurable, do que non nos podemos afastar e que influirá inexorablemente na nosa maneira de entender e crear a música, e a vida en xeral. En canto a outras músicas, por exemplo no eido infantil, estaría ben que chegasen ata nós, moitos dos traballos producidos no Brasil, tanto pola súa diversidade como pola súa calidade.

"Decátome a miúdo, con moita tristura, que incluso os grandísimos e recoñecidos grupos galegos, son descoñecidos para a grande maioría social"

Pablo Díaz: Concordo totalmente no expresado por Olga. Para nós supuxo unha militancia de por vida coa nosa cultura, o que axuda a alimentarnos noutras facetas, como a creativa. É vital coñecer as nosas raíces para ser nós.

Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicaríais por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?

Olga Kirk: Eu reivindicaría a todas as músicas e músicos do tradicional, cuxa influencia non vai moito máis alá deste ámbito, porque temos verdadeiros artistas entre eles. Mais a min gustaríame reflexionar sobre a verdadeira influencia da música galega en xeral, pois decátome a miúdo, con moita tristura, que incluso os grandísimos e recoñecidos grupos galegos, son descoñecidos para a grande maioría social.

Pablo Díaz: Nós estamos ao tanto das músicas e músicos existentes no país, pero a poboación en xeral non. Se non hai soporte nos medios de comunicación e audiovisuais, nunca serán coñecidos como deberían, pois hai xente creativa e moi seria no seu traballo.

"Parece incrible que poidan sobrevivir tantos proxectos culturais con tan pouco apoio, e reverter a tendencia existente parece francamente complexo"

Palavra Comum: Que caminhos considerais relevantes para a música (e a cultura em geral) na sua comunicação com o público e a sociedade, a dia de hoje e no futuro imediato?

Olga Kirk: Obviamente debería haber un apoio social importante para manter, coidar e mimar esta nosa cultura que está un pouco en terra de ninguén… Isto non se pode levar a cabo sen a influencia e o apoio das administracións, non só económico (que é fundamental), mais tamén eles mesmos deberían conferirlle un enfoque de “prestixio social”, comezando pola lingua, base de toda a nosa cultura e rematando por todas as artes. Unha cousa non pode desligarse da outra. Parece incrible que poidan sobrevivir tantos proxectos culturais con tan pouco apoio, e reverter a tendencia existente parece francamente complexo.

Palavra Comum: Que projetos tendes e quais gostaríais chegar a desenvolver?

Olga Kirk: Andamos sempre enleados en moita cousa e moi diversa. Penso que os dous somos loitadores de base, e polo tanto eu non me sinto frustrada por non acadar ou levar a cabo algún proxecto persoal. En xeral, fun tendo bastante fortuna no que me impliquei, e síntome moi satisfeita e só desexo que todo continúe avanzando polo bo camiño. Os meus proxectos máis importantes a tal hora, son a miña filla Icía e o meu fillo Alberte, nos que me afano sobre todo en que logren ser seres felices, que saiban valorar e respectar o que tanto nos amamos, e que sexan xente de ben.

"Teño este ano, co novo traballo Xente miúda moita fartura, moitos retos novos, con outros músicos cos que hai que ensaiar e actuar. É outra onda completamente distinta a Tic Tac e Toc Toc"

Pablo Díaz: Teño este ano, co novo traballo Xente miúda moita fartura, moitos retos novos, con outros músicos cos que hai que ensaiar e actuar. É outra onda completamente distinta a Tic Tac e Toc Toc, polo que supón moito nerviosismo e risco, algo ilusionante como músico e interprete.

Palavra Comum: Que achais de Palavra Comum? Que gostaríais de ver também aquí?

Olga Kirk e Pablo Díaz: Proxecto ben interesante que trata con cariño e rigorosidade os temas que abordan e as persoas que nela participan. Agradecidos estamos desta entrevista.

Concerto de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.