A tanxugueira Aida Tarrío e Raül Refree, Gala i Ovidio, presentan dúas novas cancións, que dan continuidade ao seu primeiro álbum, Un final que parece un principio, que presentaron en directo en existosos concertos en Galicia e no resto do Estado
Ano 2021, Pazo de Mariñán. O músico e produtor catalán Raül Refree (Raül Fernández Miró) fora convidado a participar nunha residencia artística para afondar na tradición musical galega. El, que viña de realizar interesantes proxectos en colaboración con Silvia Pérez Cruz, Rosalía, Rodrigo Cuevas ou Lina, sempre explorando as posibilidades da música de raíz, coincidiu coas pandereteiras de Pan Sen Fron ou Bouba, con Antía Ameixieras ou co gaiteiro Pedro Lamas. E tamén coas Tanxugueiras, especialmente con Aida Tarrío.
E saltou a faísca da creación. Raül e Aida viron que se atopaban na mesma lonxitude de onda, que querían facer música xuntos. De aí xurdiu o proxecto Gala i Ovidio, que tomou o nome da filla e fillo de Rosalía de Castro, toda unha declaración de intencións que subliñaba á poeta como referente para ambos. O pasado ano o dúo publicou o seu primeiro álbum, Un final que parece un principio, que presentaron en directo en existosos concertos en Galicia e no resto do Estado.
Agora Gala i Ovidio presentan un novo tema, Iba a verte, o primeiro adianto dun 7” dixital de dúas cancións, que terá continuidade nos vindeiros días con O anhelo de volver. Son o anticipo para un segundo álbum, aínda en preparación e terán a oportunidade de presentalas en tres concertos moi especiais nas vindeiras semanas, en Barcelona (o 26 de setembro, dentro da programación de La Mercé), Nápoles (o 27 de setembro, dentro da programación de L’ethnos) e Madrid (o 9 de outubro, na Sala Conde Duque).
Recoñecen que non poden traballar conxuntamente tanto como desexarían, inmersos nos seus restantes proxectos. As Tanxugueiras están a presentar o seu cuarto álbum (O Cuarto) nunha xira que comezará o vindeiro 17 de outubro no Coliseum da Coruña e Raül mantén varias frontes abertas, dende colaboracións e traballos de producuón ata a banda sonora de La bola negra
Iba a verte fala da amizade, do paso do tempo e de todo aquilo que aparece na nosa memoria mentres camiñamos cara a un encontro: lembranzas, vínculos que cambian e relacións que deixan de ser o que foron para atopar unha nova forma. O anhelo de volver adéntrase no amor entendido desde a liberdade: querer profundamente a alguén sen tentar posuílo, aceptándoo tal e como é e deixando sempre aberta a posibilidade do regreso.
Falamos con eles por separado, ainda que xuntamos as súas respostas para as preguntas formuladas a ambos. Recoñecen que non poden traballar conxuntamente tanto como desexarían, inmersos nos seus restantes proxectos. As Tanxugueiras están a presentar o seu cuarto álbum (O Cuarto) nunha xira que comezará o vindeiro 17 de outubro no Coliseum da Coruña -única data en Galicia- e que continuará polo resto do Estado. Raül Refree mantén pola súa banda varias frontes abertas, dende colaboracións e traballos de producuón ata a banda sonora de La bola negra, preseleccionada para a presente edición dos Premios Oscar.
Faládeme primeiro destas dúas novas cancións que presentades. Son un camiño novo para Gala i Ovidio? Son o preludio dun novo disco? O proxecto está aquí para quedar?
Aida Tarrío: Cando nos decidimos a iniciar o proxecto de Gala e Ovidio foi case que por puro romanticismo, no sentido de que houbo moita conexión á hora de tocar xuntos e de cantar e decidimos que tiñamos que facer algo xuntos si ou si. Todo empezou sen ningunha pretensión e segue sendo así a día de hoxe, facémolo simplemente para gozar da composición colaborativa entre os dous e de facer música xuntos.
Imos un pouco co que nos veñen dando as circunstancias e a vida, imos fluíndo co proxecto. O que sempre soubemos é que para nós era un proxecto a longo prazo, por iso tampouco lles puxemos a esas primeiras cancións Raúl Refree e Aida Tarrío, senón que quixemos buscarlle un nome ao proxecto.
Estes dous singles son un pouco unha mensaxe que lanzamos ao público que estivo acollendo o proxecto durante o último ano e medio, para dicirlles que o proxecto non foi unha cousa puntual senón que segue, que temos moitas ganas de seguir xuntándonos a facer música e que seguro que virán moitas cousas nun futuro. Pero sen moitas máis pretensións que esas.
"Queremos facelo ben, non temos ningunha présa porque temos a sensación de que imos estar xuntos tocando moito tempo"
Raül Refree: Gala i Ovidio é un proxecto que tanto a Aida como a min nos gustan moito e que queremos facelo ben, non temos ningunha présa porque temos a sensación de que imos estar xuntos tocando moito tempo. Pero ao mesmo tempo é certo que debido aos compromisos que ambos temos ás veces cústanos un pouco atoparnos. Sacamos o disco o ano pasado e agora tiñamos ganas de sacar algo novo.
Pensaramos en sacar un EP novo, pero a verdade é que tiñamos estes dous temas, gustábannos moitísimo e pensamos que nos apetecía sacalos xa. Como eu aínda penso un pouco nos formatos físicos, é unha especie de single de dúas cancións, un 7 polgadas, que creo que se complementan moi ben e que mostran dalgunha maneira unha dirección non radicalmente nova pero que si amosa unha posible nova dirección para un segundo disco. En realidade estas dúas cancións xa serían como o primeiro paso do novo disco.
O proxecto de Gala i Ovidio camiña de vagar, pero non se detén. E semella que sempre con moita coherencia, un proxecto pequeniño que non está obsesionado con crecer ou con acadar un éxito inmediato, pero no que todo encaixa, paso a paso. Estades de acordo?
Aida Tarrío: Si, exacto, é tal cal o definiches: o que queremos é poder mirar atrás dentro duns anos e dicir 'jo, que orgullosos estamos de cada paso que se deu co proxecto'. Son pasos moi sólidos, aínda que pequeniños; Gala e Ovidio vai en contra de todo o que impón a industria, destes tempos tan rápidos e desta necesidade de sacar temas cada dous meses porque se non parece que deixas de existir.
Nós imos ao noso ritmo, que é como queremos ir e como cremos que pode crecer este proxecto, con ansias de sacar boa música e de facer un bo tándem, procurando que cada cousa, tanto a parte estética como o musical ou os vídeos, sexan de moita calidade. E pouco a pouco, non temos pretensións de chegar a grandes públicos ou de facer música de masas.
Raül Refree: Que o proxecto sexa pequeno ou mediano dános un pouco igual, nunca pensamos en Gala i Ovidio como algo que quixésemos que funcionase rápido nin que quixésemos un retorno de calquera tipo. Por iso non nos importa que teña un crecemento lento porque dalgunha maneira é o que nos fai sentir máis cómodos.
Ademais, eu veño dunha mentalidade máis indie e gústame facer as cousas un pouco de costas ao que se supón que é o mercado. Creo que o mercado cada vez arrastra dunha forma máis salvaxe a todos os proxectos musicais xa sexan mainstream ou máis alternativos e creo que me gusta vivir non só Gala i Ovidio senón a miña vida dunha forma máis artesanal, máis tranquila.
"Dende o minuto un pasou algo que poucas veces pasa: parecía que levabamos toda a vida tocando xuntos, que nos coñecíamos de sempre. Esa conexión foi brutal, poucas veces pasa iso con alguén"
O proxecto naceu un pouco de casualidade, porque coincidistes no ano 2021 nunha residencia no Pazo de Mariñán. Como foi ese encontro?
Aida Tarrío: Si, Raül estaba facendo un proxecto de investigación sobre a música tradicional de Galicia e aí coñecémonos. Estivemos como tres días probando cancións tradicionais, para que el lle dese outra forma, outra harmonía e dende o minuto un pasou algo que poucas veces pasa: parecía que levabamos toda a vida tocando xuntos, que nos coñecíamos de sempre. Esa conexión foi brutal, poucas veces pasa iso con alguén. Ademais levámonos moi ben, somos moi amigos.
Raül Refree: Si, convidáronme a un proxecto para que, como fixera noutros proxectos, investigase e coñecese máis de preto a música tradicional galega, que ademais é unha música súper activa, das máis activas nos substratos máis populares que hai ou que eu vin a nivel europeo polo menos. E así coñecín a Aida.
Outras veces traballara coñecendo o folclore ou o tradicional de mans ou de boca das señoras maiores. Pero aquí eu puxera a esixencia de que me apetecía coñecer a tradición de man da xente máis nova e que estaba a levar os límites da tradición un pouco máis aló, aproveitando que Galicia ten moita xente nova que está involucrada na música tradicional.
E así coñecín a Tanxugueiras e dende o primeiro momento que escoitei a Aida, encantoume como cantaba, pero non pensei en nada ao principio. Foi despois, cando se levou a cabo esa residencia en Mariñán, xa que eu necesitaba unha voz e propuxen se podía ser Aida. A Aida gustoulle a idea e estivemos cinco días tocando xuntos e a verdade é que poucas veces me pasou algo así, pois desde o primeiro momento foi coma se nos coñecesemos de toda a vida.
"Case todo nace do propio encontro, porque hai algo moi bonito en ter que buscar unhas datas para quedar cando as túas axendas son bastante incompatibles"
Dicides que tedes poucas oportunidades para coincidir e para traballar xuntos. Como é entón o proceso de creación? Traballades por separado e ides envíandoos, ideas, audios ou mensaxes ou agardades a estar xuntos para, nese momento, comezar a compoñer?
Aida Tarrío: Raül pode traer algunha idea máis preparada pero case todo nace do propio encontro, porque hai algo moi bonito en ter que buscar unhas datas para quedar cando as túas axendas son bastante incompatibles e temos unha vida tan chea de cousas.
Ao final sempre temos só uns días ou unha ou dúas semanas para traballar xuntos e por iso a calidade do tempo e do traballo penso que é incrible, porque estás moi enfocado no que estás facendo. Como non hai pretensión de sacar cincuenta temas, imos pouco a pouco, canción a canción, e se non sae non pasa nada, aproveitamos para pasar tempo xuntos, que tamén é algo que nos encanta.
Raül Refree: Houbo moi poucas cancións que fixésemos por separado. Do disco anterior había dúas, especialmente a de Sí, Quiero', que foi unha canción que lle mandei a Aida case terminada pero creo que os dous queremos que sexa un proxecto que se cre cando estamos xuntos. En xeral, non adoita pasar nada se non estamos os dous no mesmo sitio físico, no mesmo momento temporal e así é como traballamos.
Despois si que é verdade que polo meu papel de traballar a produción, unha vez xa temos a composición feita e a voz máis ou menos gravada, moitas veces si que quedo facendo o que serían os arranxos da produción. Pero a composición en si eu creo que case sempre, excepto en contadas ocasións, foi conxunta e a catro mans.
"As señoras cando viaxaban dunha aldea a outra e escoitaban unha canción cando volvían á súa cantábana e se cadra cantábana con outra letra porque inventaran algo. Non era algo intocable, nin moito menos. O popular ten que estar en constante evolución"
Agora pregúntoche a ti, Raül, sobre como encaixa este proxecto cos outros que fuches desenvolvendo nos últimos anos: colaboracións con Silvia Pérez Cruz, Rosalía, Lina, Rodrigo Cuevas, Niño de Elche... Sempre cun pé na tradición musical, na música de raíz, pero buscando ir máis aló...
Raül Refree: SI, neste caso o que nun principio estaba súper baseado e ancorado na tradición, pois foi pasando o tempo, e decidimos que Gala i Ovidio tiña que ir cara a outros lados, que non tiña que estar ancorado nesta idea máis tradicional, porque a tradición levámola sempre dentro.
En todo caso, entendo que a tradición nunca se pode entender como inmutable, non si? Historicamente as tradicións -e a música tradicional en concreto- sempre foron movéndose, transformándose...
Raül Refree: Totalmente. A tradición, historicamente, estivo en constante evolución. Eu creo que non foi ata que se estudou dunha forma académica que empezou a saír xente que quería que a tradición quedase inalterable, dunha determinada maneira moi concreta que era como a estudaron ou como a pensaron. As señoras cando viaxaban dunha aldea a outra e escoitaban unha canción cando volvían á súa cantábana e se cadra cantábana con outra letra porque inventaran algo. Non era algo intocable, nin moito menos. O popular ten que estar en constante evolución.
E eu sempre lle digo á xente máis remisa e máis purista que para que un xénero -para que calquera cousa- se manteña vivo está moi ben que haxa xente que o estude, que estude como era nun determinado momento, pero que se o outro lado non existe -o da xente que tensa un pouco os límites e o renova e adapta aos momentos que estamos a vivir- ese xénero acaba morrendo.
"Eu teño a sensación de que para min facer música sempre comportou unha relación con alguén. Que sempre vivín a creación musical como unha viaxe conxunta"
Ti empezaches no mundo da música con discos en solitario ou formando unha banda, pero nos últimos 15 anos a túa actividade centrouse sobre todo en proxectos a dúo, como este. Ademais, evolucionaches dende uns inicios no indie ata traballos nos que a tradición gaña peso. Atópaste máis cómodo con este tipo de labor creativa?
Raül Refree: Eu teño a sensación de que para min facer música -por moito que por momentos me atopei só enfronte das composicións- sempre comportou unha relación con alguén. Que sempre vivín a creación musical como unha viaxe conxunta, unha viaxe na que por min só non chegaría alí e na que o outro non chegaría tampouco ao mesmo lugar se non fose porque estabamos xuntos. A min enriquéceme moito traballar con xente e creo que é o que máis me gusta.
Como ben dixeches, desenvolvín moitísimo o formato dúo porque me parece que se pode establecer unha comunicación tremenda e chegar a lugares inesperados, completamente. E é certo que ás veces o traballo musical que producín vese como algo unidireccional, pero coma se eu estivese a ofrecer un saber técnico ou estivese moldeando unha escultura, pero eu creo que os dous somos moldeados cando traballo con alguén.
E respecto da tradición, eu creo que a fun atopando, foi como algo inesperado. Sempre comento que por exemplo o flamenco veu máis a min que eu ir a el. E falo do flamenco, pero pode ser calquera outra tradición. Eu teño o recordo de pequeno de escoitar na tele flamenco e non me interesaba especialmente, non me atraía. Pero de golpe, Kiko Veneno ou Rocío Márquez ou Niño de Elche chámanme para traballar con eles e ensínanme cousas e vivo o flamenco dende dentro e aprendo con eles e atrévome a desenvolvelo con eles.
Pasoume o mesmo coa música galega, á que se me convidou, ou coa música asturiana con Rodrigo, ou co fado con Lina. É certo que me mostrei moi aberto e nunca tiven medo a probar cousas novas, pero tiven moita sorte de que se me deu a man e se me ensinaron xéneros e tradicións aos que se cadra por min mesmo non chegaría.
"Se se fala de Rosalía parece que sexa algo estritamente galego cando é unha das voces poéticas máis importantes da historia e que ten unha importancia, creo, a nivel europeo"
Un par de cousas, para rematar. O nome do voso proxecto -Gala i Ovidio- é unha referencia obvia a Rosalía de Castro e unha reivindicación, entendo, da importancia que para vós ten a súa escrita. Por suposto para Aida, pero penso que tamén para Raül. Que significa Rosalía para vós?
Aida Tarrío: Por suposto. Para os dous Rosalía é unha referente, polo que era como o enlace perfecto para atoparlle un nome proxecto. Mira, hai uns meses fixéronnos unha entrevista moi enfocada a Galicia e a Rosalía e unha cousa que dixo Raül a min pareceume moi bonita: dixo que estamos moi acostumados a enxalzar a Lorca como universal e, en cambio, ver como se considera a Rosalía como unha autora unicamente galega, cando Rosalía tamén é unha figura universal. Nós o que queremos é tamén elevar a figura de Rosalía como figura universal. Debería ser unha figura valorada universalmente.
Raül Refree: Si, é curioso porque se se fala de Rosalía parece que sexa algo estritamente galego cando é unha das voces poéticas máis importantes da historia e que ten unha importancia, creo, a nivel europeo. Parece que ás veces compartimentamos moito: isto é deste territorio, isto doutro; non só escritores ou escritoras, senón tamén a música. E en realidade a min na música e noutras cousas cústame moito ver estas diferenzas entre xéneros: non vexo a diferenza e vívoo como un todo.
Ao final ao ler a Rosalía dáste conta de que a súa influencia foi clave en figuras non digo que máis coñecidas, pero que son aceptadas como de ámbito nacional, por exemplo Lorca. A influencia de Rosalía en Lorca é clarísima e tivo unha importancia fundamental nas letras deste país. E tamén nesta idea dunha intelectualidade feminina que custou moito reivindicar ao longo dos anos; ela foi posiblemente das primeiras mulleres nas letras forte e reivindicada no seu momento.
Eu non teño unha resposta clara de por que pasa isto, pero sucede dunha forma clarísima, porque algúns xéneros ou algúns escritores enténdense como referentes de toda España e en cambio outros só dun dos territorios. En Cataluña pásanos o mesmo: escritores como Josep Pla e outros que tiveron unha importancia a nivel europeo, sempre se fala deles como 'escritores cataláns' e con Rosalía pasa o mesmo en Galicia. Cando en realidade son escritores universais e con isto parese que se estáse limitando a súa importancia.
"Tentamos escoller ben os espazos e por iso sempre que tocamos por aí os concertos foron moi especiais e tivemos a sorte de que sempre estaban cheos e a xente recibiu as cancións moi emocionada"
E xa para rematar: como van ser estes tres concertos que tedes por diante?
Aida Tarrío: Dende que tocamos por primeira vez en agosto do ano pasado no Teatro Colón na Coruña, xa levamos un 10 ou 15 bolos. Imaxina o que é iso para dúas persoas que nun comezo non pretendían dar concertos. Tentamos escoller ben os espazos e por iso sempre que tocamos por aí os concertos foron moi especiais e tivemos a sorte de que sempre estaban cheos e a xente recibiu as cancións moi emocionada.
Son directos que varían moito dependendo do lugar e de como nos sintamos nós, hai moita improvisación. Ademais, imos engadindo temas novos. A persoa que viu o concerto no Teatro Colón vai ver agora un concerto moi distinto en Barcelona.
Raül Refree: No concerto de Barcelona teremos a oportunidade de tocar en directo este primeiro single que saíu. E no de Madrid aproveitaremos para tocar o segundo, O anhelo de volver. Entre medio temos Nápoles, que nos fai moita ilusión, porque con Gala i Ovidio lastimosamente non conseguimos aínda tocar fóra de España e é algo que nos apetece moito aos dous. Por iso encaramos este concerto de Nápoles con moitas ganas, vai ser nunha igrexa desacralizada, súper bonita.