Dez anos en rede. Con este lema, o proxecto Youtubeiras+ celebra a súa décima edición e reivindica o legado e o futuro dunha iniciativa máis que asentada. Creado co obxectivo de promover o uso e o prestixio do galego nas redes sociais, o certame sopra as candeas nun aniversario especial, celebrando "o talento das persoas que crean contido nas redes sociais" e recoñecendo o traballo daquelas que foron "pioneiras no uso da lingua galega en Internet".
A décima edición do certame foi presentada este venres no Centro Multifuncional do Milladoiro, onde se anunciou como "gran novidade" o lanzamento dun premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital en galego.
"Chegar a esta décima edición coa forza e a vitalidade coas que o fai Youtubeiras+ demostra que o galego é unha lingua viva, creativa e con moito futuro nas redes", dixo Sol Agra, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, unha das administracións cuxo servizo de Normalización Lingüística organiza o certame xunto cos dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, mais os das tres universidades.
Youtubeiras+ celebra a súa décima edición cun premio honorífico á traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital en galego
Para Agra, Youtubeiras+ é "un referente imprescindible para a promoción e normalización do galego entre a mocidade e no ámbito dixital" e o seu éxito, explicou, ten moito que ver no traballo en rede de todas as administracións implicadas. "A suma de esforzos é a mellor garantía para seguir impulsando o talento dixital na nosa lingua e para ofrecer espazos de prestixio e visibilidade á comunidade creadora", engadiu.
Inscricións ata o 15 de novembro
O novo premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital en galego é a gran novidade da décima edición do certame, cuxas bases xa se poden consultar na web Youtubeiras. O prazo de inscrición manterase aberto até o vindeiro 15 de novembro.
Youtubeiras+ 2026 repartirá 7.500 euros entre as sete categorías a concurso: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. As dúas primeiras contarán cunha dotación económica de 1.250 euros, e as cinco restantes, de 1.000 euros.
O certame oferta tres obradoiros en liña e gratuítos impartidos por María Rúa, Nuria Grandío e Nee Barros
O certame, unha iniciativa "para a promoción do talento galego nas redes", terá doutra volta a formación como un dos seus piares. Nesta décima edición ofertaranse tres obradoiros en liña e gratuítos, impartidos por persoas creadoras que foron premiadas en anteriores convocatorias: María Rúa (Como ser unha 'turras' sen parecelo, o 7 de outubro), Nuria Grandío (Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais, o 14 de outubro) e Nee Barros (Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais, o 21 de outubro).
O xurado encargado de avaliar as propostas desta edición estará composto polo músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns.
Nos dez anos de traxectoria de Youtubeiras+, entre os e as premiadas atopamos a Rodri Míguez, Prado Rúa, Sara Seco, Exército Mekemeke, Luís do Río, Orgullo Galego, Galiactiva, Recuncho Gamer, Fica coa Bóla, Olaxonmario, Neeumatiko, Toxío, AstroXabi, MJ Pérez ou Fóra de Mapa, entre outras canles e pódcast.