Exército Mekemeke, Sara Seco, Prado Rúa, Luís do Río, Rebelico Revista, Galiactiva e o vídeo "A revolución galega de 1846" levaron os premios nesta oitava edición dos galardóns
A edición 2025 dos Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras e gañadores nas súas oito categorías. O Pazo da Cultura de Narón acolleu esta tarde a gala de entrega, presentada por Javi Sánchez e na que actuou o grupo De Ninghures. O xurado decidiu seis dos sete galardóns e unha votación popular a través da rede, na que participaron 5.056 persoas, escolleu o Premio do Público. En total, entregáronse 7.500 euros aos creadores e creadoras premiadas.
Exército Mekemeke fíxose co galardón na categoría de mellor canle de YouTube e Sara Seco levou o galardón á mellor canle de TikTok. Prado Rúa obtivo o Premio á Creación de Contidos, Luís do Río recibiu o Premio á Calidade Lingüística, Rebelico Revista gañou o Premio Rede e Galiactiva apañou o Premio Revelación. Finalmente, o vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego, foi o escollido para o Premio do Público.
O Pazo da Cultura de Narón acolleu a gala de entrega, presentada por Javi Sánchez e na que actuou o grupo De Ninghures
Javi Sánchez presentou unha gala na que percorreu e a historia de Internet a través de homenaxes a diferentes formatos nativos da Rede. Ademais, botando man do lema desta oitava edición dos premios, Fachenda ao cadrado, o presentador fixo fincapé na fachenda pola traxectoria dos galardóns e pola grande actividade desenvolvida pola comunidade creadora de contidos en galego.
No acto, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, sinalou que a gala representa “un recoñecemento ao noso patrimonio máis importante, a nosa lingua, e tamén á creación de contidos dixitais en galego”. Pola súa banda, a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, celebrou o “traballo” e o “compromiso” coa lingua da comunidade creadora de contidos en galego na Rede.
Botando man do lema desta oitava edición dos premios, Fachenda ao cadrado, a gala incidiu na fachenda pola traxectoria dos galardóns e pola grande actividade desenvolvida pola comunidade creadora de contidos en galego
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña. Dende o ano 2017 busca dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes e incentivar a creación de vídeos en galego. Velaquí algúns e algunhas das finalistas.
Exército Mekemeke recibe o premio na categoría de canle de YouTube “pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade”
O xurado estivo formado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023. Nas súas valoracións destacou, por exemplo, que Exército Mekemeke recibe o premio na categoría de canle de YouTube “pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade”.
Sara Seco acadou o premio de Canle de TikTok “pola constancia e regularidade e o compromiso en moi diferentes causas". Prado Rúa fíxose co Premio á Creación de Contidos “pola súa versatilidade e pola súa repercusión"
Sara Seco acadou o premio na categoría de Canle de TikTok “pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun “amplo abano de colaboracións”. Prado Rúa fíxose co Premio á Creación de Contidos “pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas”.
Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola “capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual” e pola “retroalimentación e a expansión amosadas”
O Premio Revelación foi para Galiactiva polo “o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables”. Luís do Río recibiu o premio na categoría de Calidade lingüística polo seu “coidado no uso da lingua oral en todos os niveis” e a súa aposta pola “revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo”. Finalmente, Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola “capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual” e pola “retroalimentación e a expansión amosadas”.
O Premio Revelación foi para Galiactiva polo “o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables”
Na gala estiveron presentes, en representación das entidades organizadoras, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons Formoso; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude, María José Santos Zas; a concelleira de de Educación Cultura e Lingua de Rois, Victoria Quiroga; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Anxeles Pacoret Rodríguez; a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, e a vicerreitora Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, M.ª Cristina Naya Riveiro.